O Club Waterpolo Galaico viaxa a Barcelona para participar no Nacional Infantil por clubes
Por Redacción
Barcelona será o destino do Club Waterpolo Galaico Pontevedra na súa próxima fin de semana de competición. Dende este venres 18 de xullo participará no Campionato de España Infantil de Waterpolo por clubs.
Ata o domingo, 16 equipos de toda España xogarán nas piscinas do CN Sant Andreu CEM Trinitat Vella e CEM Sant Andreu, repartidos en catro grupos que xogarán unha competición previa da que sairán os semifinalistas. O equipo pontevedrés está encadrado no grupo D xunto ao CW Marbella, Real Canoe e Majadahonda Caude.
Xian Barros, Juan José Roca, Martiño Troche, Ángel Castrillón, Abel Dacosta, Eric Tacón, Iago Jimeno,Aarón Tellería, Rubén Rodríguez, Germán Amoedo, Artai Poses, Rodrigo Sobral, Lucas Puy, Alexandre Aboal e Jano Millán serán os quince xogadores que representen o CW Galaico Pontevedra neste campionato, acompañados dos técnicos Kike García e Javi de Sáa.
O CW Galaico Pontevedra clasificouse para este campionato como campión da Liga Galega de Waterpolo. Os pontevedreses non serán os únicos galegos, pois tras a boa clasificación da selección galega no Campionato de España por autonomías, cun quinto posto, o segundo clasificado na liga galega, o Mariña Ferrol, tamén conseguiu praza para este campionato.