Mauricio Rodríguez confirma que deixa a presidencia do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
"Está claro que eu teño que deixar paso a outra xente. O meu traballo está feito, o Pontevedra ten viabilidade. Non sei se o fixen ben ou mal, o resultado está aí, pero cando chegou o administrador díxome que o que tiña que facer xa estaba feito e hoxe na xunta se demostrou o mesmo". Así se expresaba Mauricio Rodríguez Boullosa, presidente do Pontevedra C.F. ao termo da Xunta de acredores celebrada na Sala de Vistas do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, e que se converteu nun mero trámite, despachado no curto prazo de 5 minutos.
O aínda presidente granate, non obstante, á par que confirmaba a súa decisión de abandonar o club, non poñía data fixa: "O meu agradecemento persoal a toda a xente que me axudou neste difícil labor, que foi moita, pero os que me apoiaron non van insistir en que siga. Eles saben que eu cumprín o meu labor. Si que está claro que unha vez feito o traballo quedan uns pasos por dar para non deixar isto nunha situación de desgoberno, pero eu si que me vou. En Pontevedra hai xente que pode facer moi bo labor, mantendo os pés no chan para non volver a unha situación como a que estamos a punto de saír,".
"Non vou dicir mañá, ou dentro de tres meses, pero teño data de caducidade, si. Se puidese ser antes, faríao antes -seguiu dicindo Mauricio Rodríguez-, pero se non pode ser, en canto se faga a ampliación de capital necesaria, que ten que realizarse nun máximo de tres meses, eu voume. Non estarei nin un día máis do imprescindible para que o Pontevedra quede, non vou dicir aquela parvada de "o club máis saneado de España", que foi unha parvada, pero si que quede estabilizado o barco".
Con respecto a si seguiría vinculado ao Pontevedra, Mauricio Rodríguez declarou: Non sei, non sei. Iso é unha situación que haberá que vela dentro do Consello de Administración. A presión é moi forte, mesmo por parte de pais de nenos da base que viñeron a verme, pero é un traballo moi duro, durante dous anos, máis duro do que pensaba, e polo que teño que moito que agradecer aos que me axudaron e ao meu familila, por iso creo que é momento de irme".
Ningún acredor compareceu a unha Xunta que se converteu nun mero trámite legal despachado en cinco minutos
Previamente celebrárase a Xunta de Acredores, un acto convertido nun mero trámite e ao que non se presentou ningún dos acredores do club. A vista, presidida polo administrador concursal, Álvaro Lois, asistido polo secretario xudicial, José Luis Gutiérrez, transformouse nun mero formulismo legal para dar fé no curto espazo de cinco minutos, de que o 52,06% dos acredores ordinarios, máis un acredor subordinado, se adherira á opción 1 da proposta, transformando a súa débeda en accións), o que suma un total do 52,10% dos acredores totais. O resto dispoñerán dun prazo dun mes para optar ou quedarán adscritos á opción 2, que significa quítaa do 85% da débeda e o pagamento aprazado a 10 anos do 15% restante.
A partir dese mes o club dispón doutros tres meses para convocar Xunta de accionistas co fin de aprobar a oportuna ampliación de capital, unha ampliación que segundo confirmaba o presidente, Mauricio Rodríguez, se fará mixta, é dicir, transformación de débeda en accións, por un lado, e subscrición de novo capital, intentando inxectar liquidez ao club que permita afrontar a débeda pendente cos acredores privilexiados (Facenda e Seguridade Social), que ascende 1,2 millóns de euros.
Deste modo, coa aprobación do convenio, Mauricio Rodríguez confirmou que a débeda total do Pontevedra ao termo deste proceso oscilará entre 1,2 (mínimo) e 1,8 millóns de euros (máximo). A cifra variará en función de se os acredores ordinarios e subordinados transforman toda a súa débeda en accións (quedaria unicamente o debido a Facenda e Seguridade Social), ou ben acóllense a quita e espera (cunha cantidade máxima a pagar aprazadamente en 10 anos, de 600.000 euros).