Segundo posto para o Galaico no Campionato galego infantil disputado en Pontevedra
O Complexo Deportivo Rías do Sur acolleu durante esta fin de semana o Campionato galego infantil de natación, un evento que reuniu nas piscinas de Ponte Muíños ás futuras estrelas da nosa natación. Como club anfitrión, o Galaico tiña depositadas grandes esperanzas neste torneo e dende logo cumpriron coas expectativas. Foron segundos na clasificación final, superados unicamente pola Agrupación Deportiva Liceo da Coruña.
Notable foi a actuación dos cinco nadadores que representarán o club no próximo Campionato de España que se celebrará dentro de quince días en Barcelona.
Segundo os resultados publicados pola Federación, Daniel Sánchez logrou unha medalla de ouro (100 costas) e unha prata (100 libres), Juan David Hernández conseguiu dous bronces (100 e 200 braza), Nuria Erselle fíxose con tres ouros (200 costas, 800 libres e 100 bolboreta), Águeda Beatriz Cons cun ouro (200 bolboreta) e dous platas (200 braza e 400 estilos) e Inés Gómez cun ouro (100 libres), unha prata (50 libres) e un bronce (200 costas).
A todas elas hai que sumar as tres medallas de ouro obtidas nos relevos de 4x100 libres, 4x100 estilos e 4x200 libres femininos grazas a Águeda Cons, Inés Gómez, Nuria Erselle e Sheila Moldes; así como as tres medallas obtidas nos relevos masculinos de 4x200 libres (prata), 4x100 libres (bronce) e 4x100 estilos (bronce), composto por Tomás Bouzas, Jorge Gallego, Daniel Sánchez e Juan David Hernández.
Competiron tamén a moi bo nivel o resto dos integrantes do equipo: Tomás Bouzas, Carlos Acuña, Alicia Moreira, Sheila Moldes e Paula Hermelo, os cales achegaron uns puntos imprescindibles para que o Galaico se mantivese na loita polo título ata o último momento.
Na clasificación conxunta, a Agrupación Deportiva Liceo sumou 22.853 puntos, fronte aos 22.640 do Club Natación Galaico. Terceiro foi o Club Mariña Ferrol con 17.050.
Relacionadas:
-
Un bronce e grandes sensacións para o Natación Galaico no Campionato de España Infantil
Por Redacción |
-
Medalla de ouro para Bea Gómez Cortés nos 200 metros estilos no Nacional de verán de Barcelona
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Muíños xuntará sábado e domingo a 180 nadadores no Campionato Galego Infantil de verán
Por Redacción |