Os mexicanos Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza, triunfadores do Tríatlon Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Dobre triunfo mexicano no XIV Tríatlon Cidade de Pontevedra, que se celebrou este sábado no ámbito do Río Lérez. As vitorias foron para Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza. En todas as probas que tiveron lugar en Pontevedra participaron preto de 600 deportistas.
Na proba masculina, precioso final que se decidiu no sprint final. Antonio Serrat comezou máis frouxo na natación, pero fixo un segmento de bicicleta espectacular que lle permitiu alcanzar ao mexicano Roberto Abraham Castellanos. Todo se decidiu na carreira a pé entre ambos deportistas, que chegaron a meta co mesmo tempo. Primeiro foi o mexicano e segundo o vigués Antonio Serrat (55:49). A terceira praza foi para o pontevedrés Pablo Dapena a 01:01.
Adriana Barraza cumpriu co previsto na proba feminina. Foi a terceira mellor na natación, por detrás de Paola Montes e a cadete pontevedresa Carmen Gómez Cortés. Na bicicleta foron xuntas e foi no terceiro segmento, onde Adriana marcou as diferenzas para chegar a meta en primeira posición. Adriana Barraza fixo un tempo de 1:05:07, mentres que segunda foi Carmen Gómez (1:06:08) e o terceiro posto foi para Joselyn Daniela Brea, a 01:06.
Os gañadores doutras categorías son:
- Cadete: Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Dexter Compostela)
- Júnior: Paula Herrero (Academia Civil CNSO) e Antonio Serrat (Terras de Lugo).
- Sub 23: Adriana Barraza (Muralla de Lugo) e Ricardo Cárdenas (Muralla de Lugo).
- Veteranas 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e Luis Alberto Paredes (Tríatlon Ferrol).
- Veteranos 2: José Manuel Otero (Muralla de Lugo).
- Veteranos 4: Manuel Cruces (Club Deportivo Pinarium).
- PT5: Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo Fluvial)
Por clubs, as vitorias foron para o A.D. Fogar en categoría feminina e o Muralla de Lugo na masculina. O equipo que organizaba a proba, o Club Triatlón Galaico foi segundo entre as féminas, grazas aos bos resultados de Paola Montes (sétima), Iris Soto (oitava) e Rosalía García (vixésimo primeira); mentres que o Triatlón Motobike Pontevedra foi cuarto. Tivo en Lara Lois (vixésimo quinta) a súa mellor clasificada.
Na categoría masculina, o Motobike foi o sétimo mellor equipo, superando neste caso ao Galaico, que só puido ser noveno.
Ademais da proba elite, houbo unha popular con distancias máis curtas, con triunfos de Bárbara González (A.D. Triatlón do Miño) e Cristóbal Cacheda, e tamén se celebrou o Tríatlon de Menores de Pontevedra, no que participaron 180 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Os resultados completos do XIV Tríatlon Cidade de Pontevedra pódense consultar aquí.