Javi Gómez Noya, cuarto en Hamburgo, máis cerca de revalidar o título das Series Mundiais de tríatlon
Por Redacción
Un cuarto posto que sabe a gloria. ÿ o que logrou Javi Gómez Noya este sábado en Hamburgo, cidade alemá que acollía a sexta proba das Series Mundiais de tríatlon. O deportista afincado en Pontevedra volveu demostrar o seu gran nivel de forma. Só se descolgou nos metros finais ao non poder responder ao ataque dos irmáns Brownlee. Foi precisamente un deles, Alastair, o que se adxudicou o triunfo final.
Na proba, disputada sobre distancia curta, as emocións foron máis intensas e os erros tiñan moitas menos posibilidades de solucionarse, polo que estar sempre ben colocado era fundamental. E Javi Gómez Noya, coa súa veteranía, ben que o sabía, polo que nunca deixou o grupo de cabeza, no que estaba acompañado polos irmáns Brownlee e os franceses Vincent Luis e Aurelien Raphael.
O sudafricano Henri Schoeman liderou o segmento inicial de 750 metros de natación polo lago Alster, do que Gómez Noya saíu cuarto a escasos metros do primeiro clasificado. Non abandonou o pelotón de cabeza nos 20 quilómetros da bicicleta, onde se formou un grupo de 17 deportistas que chegaron xuntos á segunda transición. Alí, o galego perdeu uns valiosos segundos, aínda que pronto logrou sobrepoñerse e recuperar o tempo perdido.
Tras a primeira volta dos 5 quilómetros de carreira a pé, a loita polo podio enfrontaba os irmáns Brownlee, o francés Vincent Luis e Javi Gómez Noya. Foi unha apaixonante pugna, na que os británicos aumentaron a súa zancada para acelerar o ritmo da carreira. Luis e Noya resistiron os primeiros envites, pero pouco despois os británicos e o francés, lograban establecer unha pequena brecha con respecto a Gómez Noya.
O galego pagou o esforzo realizado sobre a bici, e aínda que loitou ata o último momento, quedaba relegado. Por diante, todo facía prever que Alistair e Jonathan se disputarían a medalla de ouro, pero Alistair conseguía avantaxar o seu irmán e lograba finalmente a súa primeira vitoria da tempada. Nun explosivo final, o francés Luis lograba superar a Jonathan para conquistar a medalla de prata, entrando a tan só dous segundos do vencedor.
Javi Gómez Noya entrou cuarto en liña de meta, a 17 segundos de Alistair Brownlee. Por detrás, despois dunha impresionante remontada na que marcou o segundo mellor parcial do sector, Mario Mola obtiña a novena posición. Outro atleta afincado en Pontevedra, Fernando Alarza, tamén logrou un bo resultado ao finalizar en décimo quinta posición.
Con este cuarto posto en Hamburgo, Javi Gómez Noya amplía a súa vantaxe á fronte das Series Mundiais de tríatlon. Suma 3.833 puntos, fronte aos 3.337 do inglés Jonathan Brownlee que se coloca segundo. A terceira praza é para o español Mario Mola con 3.322 puntos. Así as cousas, o galego está a un paso de revalidar o seu título das Series Mundiais, competición da que quedan tan só dúas probas.