A terceira edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales celebrarase o 1 de agosto
Por Redacción
O +10 Marín Manuel Rosales - Gran Premio Ence chega este ano á súa terceira edición. Xa consolidada no calendario galego de probas populares celebrarase de novo en horario nocturno, ás 22.00 horas do próximo venres 1 de agosto. Despois dos máis de catrocentos inscritos do ano pasado, a organización espera superar por primeira vez o medio centenar de corredores.
O circuíto será semellante ao de edicións anteriores. A saída terá lugar nas inmediacións da Casa do Concello e a chegada será na Alameda marinense. Serán en total dez quilómetros. Un dos puntos relevantes volverá ser a entrada á Escola Naval, pero os afeccionados poderán gozar da carreira dende numerosas rúas da localidade.
O prazo de inscrición xa está aberta. Pódese realizar a través de Championchip Norte. Como novidade, nesta edición haberá desconto para todos aqueles que se anoten con anterioridade á mesma semana da proba. Ata o día 26 de xullo o custo será de tan só cinco euros, mentres que os tres últimos días de prazo o custo ascenderá ata os sete euros.
Ademais da proba absoluta, que realizarán conxuntamente a categoría masculina e a feminina, o +10 Marín volverá ser unha festa para os máis pequenos. As carreiras de menores, que se celebrarán con anterioridade á de 10 quilómetros, farán que tanto os nenos coma os seus pais poidan gozar dun gran día de deporte.
Os participantes contarán con avituallamento, servizo sanitario, zona de ocio, merenda e todo o necesario para celebrar a terceira edición do +10 Marín que, un ano máis, homenaxea o veterano corredor marinense Manuel Rosales.