Un grande Pontevedra firma un empate con sabor a vitoria en San Lázaro
Por Ramiro Espiño
Así, si. Pódese perder, pero xogando coa actitude que mostrou o Pontevedra en San Lázaro, aínda que se tivese saído derrotado era para estar contento co rendemento do equipo. Era posiblemente a saída máis complicada do que levamos de liga ante a traxectoria do rival correspondente no seu feudo e foi na que o Pontevedra realizou a actuación máis completa, xunto coa de Cerceda, ata o punto de que foi o equipo que máis méritos fixo para alzarse cos tres puntos, ou polo menos o que con máis insistencia buscou a vitoria e levou o peso do partido durante 75 dos 90 minutos de xogo.
E iso que as cousas non comezaron nada ben para os granates. No quentamento Iago Paz resentíase dunhas molestias nos isquiotibiales que notou no ensaio do sábado, ante o que Milo, por precaución, optou por deixalo na bancada e introducir no once un Moisés que estaba relegado ao banco. A intención do técnico de probar con Iago de medio centro ofensivo caíase antes de empezar, e coma se o equipo acusase o cambio, despois dunha semana traballando a devandita opción, saíu encollido, a mercé dun Compostela agresivo na presión, recuperando moi arriba e buscando as costas dos centrais granates.
Os primeiros 12 minutos de xogo presaxiaban o peor para o Pontevedra, que se encomendaba a Lloves para salvar un remate a queimarroupa de Martín, ademais dos movementos do goleador, Joselu, que traía a mal traer á zaga visitante.
Non obstante unha acción illada ía cambiar a decoración. Nun mal rexeitamento de Germán, que toca de cabeza cara a atrás, Jacobo encóntrase co balón ao borde da área de meta e tamén de cabeza estrela a pelota no poste esquerdo de Adrián Laureda, que só podía observar a traxectoria, suspirando de alivio.
Coma se iso dese confianza aos granates, o Pontevedra comezou a crecer, facéndose dono da zona ancha, mentres o Compostela fiaba a súa sorte a un contragolpe e ao momento doce que atravesa un sensacional Joselu.
Xogaba mellor o Pontevedra, pero aínda así non inquietaba a área local. E cando máis controlado parecía o partido, un zarpazo de Joselu, ao aproveitar un gran pase interior de Manu Rodríguez, poñía por diante o Compos. Os granates acusaron o golpe, o que aproveitou o equipo local para nunha contra dispoñer dunha clara ocasión e pode que sentenciar, cando Joselu sae de campo propio e serve en bandexa a Jacobo (o local), quen volve encontrarse cun sensacional Lloves, que evita o tanto e mantén vivo o seu equipo.
O árbitro ignorou un clamoroso penalti no primeiro minuto da segunda parte cometido por Castiñeiras sobre Moisés
A segunda parte foi un monólogo de posesión e xogo granate. O Compos repregou perigosamente, mesmo diriamos que temerariamente, as súas liñas, fiando as súas opcións a durmir o partido e buscar o fútbol directo sobre o seu home gol, Joselu, e case lle sae ben. Iso si, grazas a que o árbitro ignorou un clamoroso penalti no primeiro minuto cometido por Castiñeiras sobre Moisés.
Ese repregamento, metade voluntario, metade obrigado polo pulo do Pontevedra, deulles unha grande ocasión a contra, nunha fenomenal xogada de Martín que Manu Rodríguez enviaría ás nubes. O resto foi granate, con ocasións para Santi Domínguez, nun gran servizo de Fran Fandiño, e de Jacobo, a centro de Adrián, que non acerta a materializar.
Milo move banco e cambia posicións. Caco, esgotado polo esforzo, deixa o seu sitio a Nano, que ocupa o lateral esquerdo, pasando Adrián ao dereito e Cristóbal ao mediocentro. As chegadas dos dous laterais sucedíanse. Cristóbal axigantaba a súa figura na recuperación e construción. Mascábase o empate e chegou na enésima acción de Nano (fenomenal nos minutos que xogou), cun centro, que pelexou Stefan provocando a entrada a destempo de Germán. Santi Domínguez igualaba o partido dende os 11 metros e tamén o duelo de artilleiros con Joselu. Facíase xustiza e aínda que o Pontevedra seguiu buscando o segundo, que por xogo merecera, o Compos aguantou sen máis sobresaltos nun partido entretido, con alternativas e momentos de bo xogo, pero sobre todo de moita intensidade.
S.D. COMPOSTELA: Adrián Laureda (1); Borja (2), Castiñeiras (2), Germán (2), Jimmy (1); Gonzálo (1); Martín (2), Manu Rodríguez (2), Mariño (1), Jacobo (2); Joselu (3).
Substitucións: Uru (1) por Martín, min. 61. Bautista (1) por Mariño, min. 68. Kolman (s.c.) por Jimmy, min. 83.
PONTEVEDRA, C.F.: Lloves (3); Cristóbal (3), Sestelo (2), Pablo (2), Adrián (3); Fran Fandiño (2), Caco (2), Moisés (2), Jacobo (2); Tubo (2) e Santi Domínguez (2).
Substitucións: Richi (2) por Fran Fandiño, min. 59. Nano (3) por Caco, min. 61. Stefan (3) por Tubo, min. 70.
Árbitro: Rubén Extremadura Hernández, auxiliado nas bandas por Adrián Díaz González e David Francisco Rodríguez (Vigo). Amoestou a Germán, Gonzálo, Kolman, Bautista, Adrián, Sestelo e Santi Domínguez.
Goles: (1-0) Minuto 29: Pase en profundidade de Manu Rodríguez sobre Joselu, que bate por alto a Lloves no man a man. (1-1) Minuto 83. Penalti por cambadela clara de Germán sobre Stefan. Santi Domínguez transforma por alto, á esquerda de Adrián Laureda.
Incidencias: Estadio Municipal de San Lázaro, Santiago. Ao redor de oitocentos espectadores.
VESTIARIOS:
FREDI: "Penso que por ocasións merecemos gañar", así comezou a súa análise o técnico local, quen non obstante recoñecía: "ÿ verdade que o Pontevedra mandou na segunda parte, pero nós tivemos as oportunidades máis claras. Non recordo ningunha parada do noso porteiro e non obstante Lloves fixo un par delas de moito mérito. Cando tes un resultado tan curto pódeche pasar ésto, non pechas o partido e escápache ao final".
Con respecto ás xogadas polémicas, Fredi analizábaas así: "No noso gol Joselu sae ben. O penalti que nos pitaron en contra teño que admitir que o meu xogador me di que toca ao dianteiro do Pontevedra, pero no que reclaman ao principio da segunda parte non podo comentar nada porque dende onde estamos non se vé".
Por último, o técnico compostelán afirmaba non se ter sorprendido do bo xogo despregado polo seu rival: Esperábamo. Vira o Pontevedra en Bouzas e Cerceda e sabía que é un bo equipo e hoxe o confirmou. Para min non foi unha sorpresa verlle xogar a este nivel. Os dous imos sufrir para estar arriba, pero está claro que temos opcións".
MILO ABELLEIRA: Satisfeito a medias estaba Milo: "Puidemos gañar. ÿ un bo punto pero estivemos máis preto da vitoria ca eles. Levamos o peso do partido e menos mal que ao final ese penalti fixo algo de xustiza ao que traballaramos".
"Creo que o equipo deu unha boa imaxe -seguiu dicindo-, pero especialmente voume contento porque non nos desencaixamos ao recibir o gol e seguimos intentando facer o noso xogo, mesmo co empate intentamos buscar o segundo".
Tamén opinou respecto ás xogadas polémicas, incidindo en que o penalti fora moi claro e que creo que "o que lle fixeron a Moisés ao comezo da segunda parte aínda o foi máis, pero xa lle dixen a él que na área hai que ir con todo, meter con forza o pé, como fixo Stefan, porque deu a impresión de buscar máis a falta que o balón e iso posiblemente fixo que o árbitro non pitase. Con respecto ao gol deles, aínda que Joselu estaba ao límite, non me pareceu que saíse en fóra de xogo".
Outro partido fronte a equipos da zona alta e o Pontevedra segue sen perder, agora toca un rival de abaixo: "Si, véñensenos atragoando. ÿ cuestión de que nos mentalicemos, non creamos os eloxios que poidan chegar polo bo xogo de hoxe, e saiamos como o fixemos nestes dous últimos partidos".