Un Tríatlon Cidade de Pontevedra "de record" acollerá o sábado uns 600 deportistas
Por Alejandro Espiño
Uns 600 deportistas competirán este sábado 12 de xullo na décimo cuarta edición do tríatlon Cidade de Pontevedra, unha proba máis que consolidada no calendario deportivo pontevedrés. Nunca antes unha proba en circuíto lograra tal nivel de participación en Galicia, segundo o vicepresidente da Federación Galega de tríatlon, Luis Piña, o que obrigará a un esforzo de organización "moi importante", sinalou.
En concreto, a proba popular conta con 75 deportistas inscritos, mentres que 400 persoas participarán nas dúas carreiras federadas. O resto, son menores de 9 a 18 anos que competirán nas catro categorías inferiores: benxamín, alevín, infantil e cadete.
Os horarios das probas, organizada polo tríatlon Galaico, son os seguintes:
- 11.00 horas. Categorías inferiores.
- 15.30 horas. Proba popular.
- 16.30 horas. Proba masculina sen corte.
- 17.50 horas. Proba feminina.
- 18.00 horas. Proba masculina con corte.
Os circuítos das probas serán similares aos de edicións anteriores. O segmento de natación será no ámbito da Ponte dos Tirantes, o ciclista na Avenida de Compostela e o campus universitario e a carreira a pé a beiras do río Lérez. No caso das probas para menores de idade, o tríatlon disputarase na Avenida de Bos Aires.
O tríatlon popular celebrarase sobre distancia minisprint (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira), mentres que as probas federadas serán sobre distancia Sprints (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira).
Será un tríatlon Cidade de Pontevedra dunha calidade deportiva "moi alta", xa que ademais de deportistas locais como Pablo Dapena, Antonio Serrat ou Carmen Gómez Cortés, haberá unha representación de triatletas mexicanos "con grandes opcións á vitoria", segundo Luis Piña, como Adriana Barraza, César Saracho ou Abraham Castellanos. Haberá tamén deportistas procedentes de Arxentina ou Chile.
PONTEVEDRA "NON SERIA O MESMO" SEN O TRÍATLON
Na presentación, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quixo destacar a forte vinculación da cidade de Pontevedra con este deporte, xa que recordou que acolle anualmente varias probas, ademais da presenza de numerosos deportistas adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, entre eles campións como Javier Gómez Noya ou Fernando Alarza. Pontevedra, a nivel deportivo, afirmou, "non sería o mesmo" sen o tríatlon.