Novo record (e xa van 13) para Bea Gómez Cortés, que bate a marca máis lonxeva da natación galega
Por Redacción
Bea Gómez Cortés segue demostrando que, sen dúbida, é a mellor nadadora galega da historia. E volveuno probar unha vez máis esta fin de semana no Campionato Galego de natación de verán celebrado en Ourense. A pontevedresa bateu o récord autonómico na proba de 200 metros costas, o máis antigo dos que estaban vixentes. Con ela, son súas 13 das 17 actuais plusmarcas galegas en piscina de 50 metros.
En concreto, Bea Gómez Cortés parou o crono en 2:14:86, dous segundos menos do anterior récord galego (2:17:00), que estaba en mans da nadadora Carmen Marchena dende 1990. Logrou así o seu obxectivo nestes campionatos, onde aterrou 24 horas antes de competir procedente de Francia, onde participaba nunha concentración coa selección nacional.
Este resultado da pontevedresa foi clave para que o seu club, o Natación Galaico finalizase en segunda posición nestes campionatos de verán. Os seus equipos masculino e feminino sumaron en total 43.350 puntos, fronte aos 43.695 puntos do gañador, o Pabellón Ourense. A terceira praza foi para o Cidade de Santiago. En categoría júnior, o Galaico tamén logrou a medalla de prata. De novo, os ourensanos proclamáronse campións.
Ademais de polo seu récord galego nos 200 metros costas, Bea Gómez Cortés contribuíu aos bos resultados do Natación Galaico cos seus triunfos en 400 metros estilos e 200 metros bolboreta, e o seu segundo posto en 50 metros braza. Outras vitorias pontevedresas foron as de Iria García, primeira en 1.500 metros libres; e os relevos 4x100 estilos e 4x50 e 4x200 libres, os tres en categoría feminina.
Pola súa banda, Iría García (400 metros libres), Paula Goyanes (200 metros estilos, 800 libres e 200 bolboreta), Nuria Erselle (100 metros libres, 100 costas e 50 braza) e o relevo 4x100 libre feminino, lograron a medalla de prata; mentres que Paula Goyanes (100 metros costas), Cristian Fernández (800 e 1.500 metros libres e 200 bolboreta), Águeda Cons (800 metros libres e 400 estilos) e o relevo 4x200 libre masculino quedaron en terceira posición.
Relacionadas:
-
Bea Gómez: "Río 2016 es mi objetivo más grande, pero me voy marcando otros más pequeños para no aburrirme"
Por Alejandro Espiño |
-
Medalla de ouro para Bea Gómez Cortés nos 200 metros estilos no Nacional de verán de Barcelona
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Muíños xuntará sábado e domingo a 180 nadadores no Campionato Galego Infantil de verán
Por Redacción |
-
Dobre medalla para Bea Gómez no Meeting Internacional de Canet
Por Diego Espiño |
-
Meritorio quinto posto do Galaico na Copa de España de Primeira División
Por Redacción |