Vitoria cómoda do Teucro ante un Ereintza que xustificou a súa condición de último
Por Ramiro Espiño
Dous puntos importántisimos e pasar páxina. ÿ a mellor conclusión dun partido que non pasará á historia pola súa calidade, no que o Teucro distanciou un rival directo pola permanencia e, polo visto nesta ocasión, serio candidato ao descenso de categoría.
E iso que o comezo de partido foi desesperante. O Teucro saíu coa "caraja" posta e iso levou a unha serie de erros que ante calquera outro rival custan moi caros. Defensa de manteiga, ausencia de lanzamento exterior (o primeiro e único lanzamento de 9 metros en todo o primeiro tempo tardou máis de 16 minutos e faríao o pivote Tomás Moreira tras bloqueo exterior), circulación de balón lenta e incompleta (central-lateral, ignorando aos extremos), trouxeron como consecuencia tan só dous goles en 14 minutos de xogo.
Javier Barrios vese obrigado a pedir o primeiro tempo morto, e os seus homes espertan, aínda que máis polos erros guipuscoanos (4 perdas de balón consecutivas en ataque) que polos acertos, que seguían limitados ao contraataque. Aínda así, as limitacións do conxunto visitante permitirían ao Teucro despegarse. En 10 minutos pásase do 4-4 ao 12-6 e fin da historia. Ao Ereintza baixóuselle a persiana e o Teucro seguiu sumando goles sen esforzo ata vivir unha das tardes máis prácidas posiblemente de toda a liga (o que se leva disputado e o que resta).
A segunda parte simplemente sobrou, polo menos dende o punto de vista competitivo. O transcurso dos minutos servía unicamente para ir destapando máis as "vergoñas" do cadro vasco, tanto no aspecto técnico coma de sistemática de xogo. O Ereintza, do que só o seu porteiro, Urtzi, se salva da mediocridade deportiva do colectivo, foi un visitante "amable" para un Teucro que rematou "gustándose e permitíndose mesmo xogadas para a galería, así como que Javier Barrios aproveitase para dar minutos a todos os seus xogadores, o que trouxo como consecuencia que os visitantes maquillasen lixeiramente o resultado final.
S. D. TEUCRO (24): Juan Bar; Toño Fernández (5), David Chapela (4), Tomás Moreira (4), Rial (3), Borja Pedreira (1), Sío - sete inicial -, Gonzalo (p.s.), Armán (1), Aarón (1), Carlos Pombo, Alejandro Pombo (1) e Didac Villar (4, 1 de penalti).
EREINTZA AGUAPLAST (17): Urtzi; Dani Solano (2), Jon Vázquez (2), Ión Rubio (4), Díaz de Cerio (2), Iraeta (2, 1 de penalti), Ánder - sete inicial -, Yagüe (p.s.), Iker Cambronero, Iker Garmendia (2), Asier, Ioritz (2), Dani (1) e Larra.
Árbitros: Héctor Fraile Muñoz e Vicente Peris Orts (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Rial, Alejandro Pombo, Iker Cambronero (2) e Ánder.
Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 2-3, 4-4, 8-5, 11-6, 13-8 (descanso), 14-8, 19-10, 21-12, 22-13, 24-14 e 24-17 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos deportes de Pontevedra. Ao redor de catrocentos espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria do ex-alcalde de Pontevedra, Joaquín Queizán Taboada.