O Arxil logra a continuidade de todo o seu cadro técnico
Por Redacción
Unha vez que o Club Baloncesto Arxil inscribiuse na Liga feminina dúas comezou a casa polos chans e a coordinación deportiva reuniuse co corpo técnico da pasada tempada, conseguindo un compromiso de continuidade de todos eles.
En primeiro lugar, a adestradora, Mayte Méndez, que ano tras ano segue superándose no traballo diario, dando mostras dun coñecemento da categoría, conseguindo cun equipo practicamente igual pasar nunha tempada dos postos de descenso a loitar polo play off de ascenso.
Con ela está Milagros Sanmartin, realizando un traballo de apoio á primeira adestradora. Ambas levan toda unha vida sentadas unha á beira da outra no banquiño do Arxil e seguirán estándoo un ano máis.
Marita Janeiro é a savia nova. Coa filosofia do Arxil que leva no seu ADN, xa que pasou desde a súa etapa como xogadora por todas as categorías do club, chegando a xogar en LF2 e malia a súa mocidade decidiu apostar polos banquiños. Leva dúas tempadas marabillosas, logrando o título de campioa galega de minibasket 12-13 e 13-14, e campioa da Jamboree nacional de clubs.
Cuco Rodriguez, na súa segunda tempada no Arxil, é outro dos artífices da boa tempada pasada. A súa experiencia en ACB, no baloncesto europeo, e o seu gran traballo na tempada pasada no Arxil aválano e a súa continuidade era unha petición expresa de Mayte Méndez.
Unha vez conseguidas estas catro renovacións, estase á espera de que callen as conversacións coa pivot que ha de cubrir o oco deixado por Minata Keita. As negociacións están moi avanzadas, quedando á espera de que chegue o contrato asinado á sede do club e a partir de aí iríase a por unha pivot que xogue tamén na posición de catro.
Ao mesmo tempo, a dirección deportiva do Arxil xa falou con María Gonzalez Centeno e María Lago, e na próxima semana farao tamén co resto do plantel.