O Cisne e os atletas Manuel Rosales e Chus Sanguos, Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia
Por Redacción
O Club Cisne Balonmano, na categoría de entidades deportivas, e os atletas Manuel Rosales e Chus Sanguos, en persoas físicas. Son tres dos galardonados coas Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2014, un recoñecemento instaurado hai catro anos polo goberno galego para referendar o labor ou traxectoria notoria e exemplar de persoas ou entidades que contribúen á excelencia do deporte e da educación física na nosa comunidade.
Os nomes dos distinguidos este ano foron desvelados polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, logo das deliberacións do xurado e da resolución asinada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
O responsable de Deportes da Xunta amosou a súa satisfacción por esta cuarta edición da convocatoria que, xunto cos Premios ao Deporte Galego, "axudan a alumear as achegas e méritos de tantas persoas e institucións que co seu talento, esforzo e valores engrandecen o deporte e a identidade de Galicia".
No caso do Club Cisne Balonmano, este recoñecemento chega no ano no que a entidade pontevedresa está a celebrar o seu 50 aniversario e é un dos equipos máis senlleiros do noso balonmán. Pola súa banda, Chus Sanguos é unha das atletas veteranas más recoñecidas do atletismo galego. O seu palmarés fala por si mesmo. Comezou a súa carreira deportiva na Sociedad Gimnástica e actualmente milita nas filas do Sporting Comesaña de Vigo.
Mención aparte merece o marinense Manuel Rosales. ÿ unha lenda viva do atletismo nacional. Aos seus 79 anos segue practicando activamente un deporte no que acumula dezaoito títulos mundiais e innumerables éxitos dentro das fronteiras do noso país. Entre as súas fazañas destaca que é o atleta que máis veces (oito) gañou o Maratón de Nova York na súa categoría, o que o levou a estar no libro de honra da proba.
O acto solemne de entrega das distincións terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas o vindeiro 11 de xullo, ás sete e media da tarde, baixo a presidencia do máximo mandatario do goberno galego e coa presenza dos galardoados, os seus familiares e achegados, e representantes da comunidade deportiva galega.