A Gimnástica certifica a súa permanencia en Burgos e seguirá na División de Honra por noveno ano consecutivo
Por Redacción
A Gimnástica certificou sen grandes sobresaltos a súa permanencia un ano máis na División de Honra do atletismo español. Tras lograr catro vitorias e seis segundos postos, o equipo pontevedrés ocupou a segunda praza no encontro celebrado en Burgos. A súa permanencia na máxima categoría nunca estivo en perigo, xa que a marxe cos dous conxuntos que ocuparon os postos de descenso foi máis que notable.
Foi unha grande tarde a que tiveron os atletas da Sociedade Ximnástica. E iso que a xornada comezaba algo dubitativa co sétimo posto no salto de lonxitude e o sexto no lanzamento de martelo. Pero pronto os pontevedreses empezaron a sumar puntos importantes coa cuarta praza de Eduardo Gallardo nos 400 metros, con 49.06 e o segundo posto nos 400 metros valos de Ignacio Sarmiento, con 52.57.
Neste punto empezaron a chegar as vitorias. Manuel Molinos conseguiu, con 2.01, a vitoria no salto de altura. Era a segunda vez que logra un primeiro posto en División de Honra na devandita proba. Eduardo Suárez levouse ao sprint o triunfo nos 800 metros. Bos resultados lograron tamén Víctor Riobó, que nun final apertado foi terceiro nos 1.500 metros e Alberto Salcedo, que foi segundo nos 200 metros con 21.50.
Os resultados seguiron favorecendo á Gimnástica. Tras o quinto posto no lanzamento de disco de Martín Brea, chegaba a terceira vitoria pontevedresa. Foi a que outorgou a marca de 14.13 de Julián Ortiz nos 110 metros valos, un rexistro que é o mellor que logrou a Gimnástica na máxima categoría. A eles sumouse o segundo posto de David Alejandro no hectómetro con 10.81 segundos.
Así se chegaba a metade da competición. A Gimnástica estaba na cabeza con 65 puntos, empatado co Pamplona Atlético, aínda que por detrás dos navarros, que sumaban unha vitoria parcial máis que os pontevedreses. Os postos de descenso estaban xa lonxe, a 27 puntos, pero había que seguir loitando para evitar sorpresas desagradables.
Tras o quinto posto de Santi Ferrer en pértega, Marc Tur daba aos pontevedreses a súa cuarta e última vitoria parcial. Foi nos 5.000 metros marcha cunha marca de 20.37.40. No lanzamento de peso, Víctor Gallego non fallou e conseguiu a segunda posición con 16.45, a mesma que David Martínez nos 3.000 metros. A permanencia chegaba co sexto posto de Iván Docampo nos 3.000 obstáculos e o sétimo de Carlos Cerviño en xavelina.
A vitoria no relevo curto do Pamplona Atlético deulles o triunfo no encontro, aínda que a Gimnástica (quinta) correu en 42.10, a tan só tres centésimas da súa mellor marca da Gimnástica na División de Honra. Pola súa banda, o 4 x 400 con Gallardo, Suárez, Pérez e Sarmiento foron segundos con 3.16.02, unha marca que posiblemente lles conceda o pasaporte para o Campionato de España de relevos longos.
Cinco puntos, 118 a 113, deron a vitoria ao Pamplona Atlético sobre a Sociedade Gimnástica, co equipo andaluz de Nerja terceiro con 107 puntos. Máis lonxe quedaron o Catalunya con 99, o Burgos con 76 e Monzón con 72. As dúas prazas de descenso foron para o Universidad de Oviedo, un histórico da categoría, que só puido lograr 69 puntos e o Vino Toro zamorano, que pechou a clasificación con 65 puntos.
Relacionadas:
-
Iván Docampo dá á Gimnástica o seu quinto campionato galego consecutivo de cinco quilómetros en ruta
Por Redacción |
-
Os atletas Promesa da Gimnástica afrontan o Campionato de España en Durango
Por Redacción |
-
Burgos, xornada decisiva para a permanencia da Gimnástica na División de Honra
Por Redacción |