Mostra-T Deportivamente, o gran escaparate do deporte base pontevedrés
Por Diego Torrado
A praza de España e a avenida de Montero Ríos convertéronse este venres no gran escaparate do deporte base pontevedrés. Quince entidades e clubs deportivos amosaron as habilidades dos seus rapaces e rapazas na segunda edición da exhibición Mostra-T Deportivamente, un evento que serviu ademais como unha oportunidade para que todos eles puideran captar novos practicantes para as súas respectivas disciplinas.
Desde primeira hora da tarde, os clubs da cidade foron sucedéndose sobre as plataformas e tatamis situados en ambos os dous escenarios. Os rapaces estiveron arroupados en todo momento polas súas familias e por numerosos amantes do deporte que non quixeron perder este gran espectáculo. Con el tamén se quixo render unha homenaxe aos equipos e á xente que fai posible o seu funcionamento diario.
Nesta segunda edición participaron case o dobre dos oito clubs que o ano pasado integraron a primeira exhibición Mostra-T Deportivamente.
Foi posible observar as habilidades dos rapaces do Pontevedra Rugby Club, o Club Natación Sincronizada Pontevedra, o club de Ximnasia Rítmica As Triscas, o club de Ximnasia Rías Baixas, o Baloncesto Estudiantes Pontevedra, o Waterpolo Galaico, o Ciudad de Pontevedra C.F., o Pontevedra Roller Derby, o club de Salvamento SAPO, a ACD A Seca, a Escola Hungaresa de Esgrima, a Escola de Xadrez Pontevedra, o Arco Teucro, Serviocio e o club de taekwondo Mace Sport.