Os acredores do Pontevedra aprobarán o luns o plan de viabilidade
Por Ramiro Espiño
Aínda que a firma de Raúl López deixaba practicamente garantida a situación, faltaba a confirmación oficial que fixo pública o Pontevedra, mediante o envío aos medios dun comunicado no que textualmente se di: "Pola presente informámoslles que o Pontevedra CF S.A.D. conseguiu máis do 50% das adhesións ao plan de viabilidade imprescindibles para a continuidade do club".
Isto significa na práctica que a xunta de acredores, que terá lugar o próximo luns, día 26 de novembro, no Xulgado do Mercantil n.º 1 de Pontevedra (11,00 horas), se converta nun mero trámite legal no que o resto dos acredores que non asinasen a súa adhesión indiquen o xuíz encargado do concurso a súa postura con relación á súa débeda.
Os acredores que non asistan á xunta, non se adhiran ao Convenio ou non expresen a súa opción sobre a cal das opcións expresadas neste queren acollerse, decisión para a que dispoñerán dun prazo máximo dun mes a partir da xunta, quedarán legalmente sometidos a soportar unha quita do 85% do importe da súa débeda, percibindo o 15% restante no prazo máximo de 120 meses.