O equipo español da Volvo Ocean Race volverá a adestrar en Sanxenxo
Por Redacción
O Porto Deportivo Juan Carlos I será de novo a base de adestramento do equipo español que participará na próxima edición da Volvo Ocean Race. Tras resolver as diferenzas que existían entre o Team Campos e o goberno municipal, que provocaron a marcha do equipo a diferentes portos galegos, ambas as dúas partes asinarán nos próximos días un novo convenio de colaboración que garantirá a permanencia do proxecto en Sanxenxo.
Tras as conversacións mantidas entre a alcaldesa e presidenta de Nauta Sanxenxo, Catalina González, e o director do Team Campos, Pedro Campos, a sociedade pública encargada da xestión do porto autorizará o regreso ás súas instalacións do barco e demais loxística necesaria para preparar a volta ao mundo do conxunto liderado polos campións olímpicos Iker Martínez e Xabi Fernández.
A presenza dos regatistas no municipio resulta beneficiosa, segundo o goberno local en canto á promoción mediática da marca Sanxenxo e á repercusión económica que a estanza do equipo de vela ten nos negocios. A firma deste novo acordo producirase unha vez que reciba o visto e prace do consello de administración de Nauta, segundo sinalan dende o Concello de Sanxenxo.
Nauta Sanxenxo permitirá, pois, que Team Campos empregue as instalacións técnicas necesarias para o atraque e mantemento do barco da Volta ao Mundo, utilizando para iso un espazo no varadoiro de 400 metros cadrados perfectamente delimitados e valados, onde estarán situados 3 colectores de 40 pés e 2 de 20 dispostos en rectángulo cunha carpa central.
Tamén facilitará a colocación de liñas de electricidade e ADSL nesa área -cuxo consumo correrá a conta do equipo-, ademais do atraque e lugar para a invernada do barco que estará a adestrar durante a preparación da Volta ao Mundo que culminará o 31 de decembro de 2015, acceso ao varadoiro e iluminación deste e uso do travel-lift.
Pola súa banda, Team Campos manterá a imaxe promocional de Sanxenxo na súa embarcación, subscribirá os seguros pertinentes de responsabilidade civil, indemnizará todos os danos e prexuízos que puidese causar á sociedade pública xestora do porto e, na medida do posible, contratará con provedores locais ou ofrecerá emprego á poboación do municipio.
A decimo segunda edición da Volvo Ocean Race comezará en Alacante o 4 de outubro de 2014, cunha regata in-port, e unha semana máis tarde, o 11 de outubro, coa saída da primeira etapa con meta en Cidade do Cabo (Sudáfrica).
Relacionadas:
-
O retorno en publicidade do convenio de Nauta con Team Campos estímase en 1,6 millóns de euros
Por Redacción |
-
O equipo español da Volvo Ocean Race deixa a súa base de Sanxenxo rumbo á saída de Alicante
Por Redacción |
-
O barco da próxima Volvo Ocean Race descansa xa en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo rescinde o convenio co equipo da Volvo e ínstao a retirar o seu material do porto
Por Redacción |