Lourdes Domínguez non dá opción á croata Petra Martic (6-0, 6-1) e pasa a segunda rolda de Wimbledon
Por Alejandro Espiño
Apenas corenta minutos necesitou Lourdes Domínguez para certificar o seu pase á segunda rolda de Wimbledon, terceiro Grand Slam da tempada. A croata Petra Martic non foi rival para a tenista pontevedresa que venceu á súa contrincante por un claro 6-0 e 6-1.
Tras seis Gran Slam caendo en primeira rolda, Lourdes Domínguez logrou romper esta mala xeira cun partido impecable, disputado na pista número 10 do mítico All English Tennis Club, onde se celebra este tradicional torneo londiniense.
A pontevedresa non deu opción á croata, tenista procedente da fase previa. En só quince minutos adxudicouse o primeiro set por 6-0, tras romper o servizo do seu rival en tres ocasións. Algo máis tardou en sentenciar o partido. En concreto, os 25 minutos que empregou en situar o 6-1 no electrónico durante a segunda manga.
No segundo set, cuando ían 5-0 e parecía que a croata remataría o partido en branco, conseguiu anotar un xogo justo antes de que a española puxera o broche final á primeira rolda do torneo.
Unha das claves do partido foron os 29 erros non forzados que cometeu Petra Martic, por tan só cinco dunha Lourdes Domínguez moi segura co seu servizo. O 80% dos seus primeiros saques materializáronse en puntos gañadores.
Lourdes Domínguez, actual número 131 do mundo, enfrontarase agora en segunda rolda de Wimbledon á belga Kirsten Flipkens, cabeza de serie número 24.
Pase o que pase logrou igualar xa o seu mellor resultado en Londres, obtido nas edicións de 2011 e 2012.