Dous alumnos do campus de Pontevedra, seleccionados para o Mundial universitario de fútbol sala
Por Redacción
David Pazos e Jorge Barroso, dous alumnos do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte do campus de Pontevedra, compaxinan os seus estudos universitarios coa súa paixón polo fútbol sala. E ambas as dúas condicións servíronlles para formar parte do grupo de catorce xogadores que representarán a España no Campionato do Mundo universitario de fútbol sala, que se disputará en xullo na localidade malagueña de Antequera.
"Hai un mes avisáronnos de que estabamos na preselección, pero a verdade é que non esperabamos que nos chamaran" recoñece Jorge Barroso, natural de Melilla e que xa debutou na máxima categoría do fútbol sala como xogador do Santiago Futsal. Nese equipo compartía vestuario con David Pazos, orixinario de Ames (A Coruña), e agora volverán a coincidir nesta competición internacional.
Ambos foron seleccionados polo adestrador español, Fede Marín. "Estamos encantados, todos soñamos con xogar algún día coa selección", apunta Barroso no Diario da Universidade de Vigo. Será unha "experiencia única" para ambos, dado que recoñecen que durante a tempada deportiva non lles é posible compaxinar a máxima categoría do fútbol sala coas ligas universitarias.
Dezaseis seleccións masculinas e outras oito femininas participarán neste torneo de carácter bienal e no que estarán presentes as principais potencias do fútbol sala mundial, como Brasil, Rusia, Portugal ou a propia selección anfitrioa. Aínda que nesta ocasión a convocatoria só podía incluír a estudantes, a xuízo de Barroso, España competirá neste torneo cun "bo equipo" integrado por xogadores tanto de División de Honor como de División de Prata.
O que non está tan claro é o nivel que terán os equipos rivais. "Ao ser un torneo universitario, non sabemos que xogadores traerán os outros países", recoñece Barroso, que, non obstante, considera que "aínda que poida haber sorpresas, seguro que Brasil e Rusia van estar entre as mellores". Entre elas tentará tamén estar España, que pode ter no estado físico dos seus xogadores a súa principal limitación. Non en van, mentres os brasileiros se atopan en plena competición, os integrantes da selección levan xa uns días de vacacións tralo remate da liga.
"Aínda que temos un plan de exercicios para chegar en boa forma á concentración, o físico vai a ser o principal condicionante, posto que se chegas ata a final, xogas seis partidos en oito días", explica. Para chegar ata alí, ata a final, España deberá primeiro superar unha fase de grupos que a levará a debutar o día 13 fronte a Eslovaquia e posteriormente a medirse coa República Checa e Israel. A final está programada para o domingo 20 de xullo.