Antonio Palmas e a Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra, protagonistas da XX Baixada do Umia
Por Redacción
Máis de 200 piragüistas reuníronse este domingo na vixésima edición da Baixada do Umia, organizada polo Club Náutico O Muíño, que contou con Antonio Palmas e a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra como principais protagonistas.
Palmas, en categoría de K-1, logrou a vitoria por terceiro ano consecutivo tras percorrer os 14 quilómetros da proba en 59 minutos e 54 segundos para entrar xunto ao seu compañeiro no Club Piragüismo Vilaboa Brais Sánchez, segundo.
En C-1 Sénior masculino o vencedor foi Miguel Fernández, padexeiro do Breogán do Grove, mentres María Rojo (O Muíño) en K-1 e Raquel Rodríguez (Cidade de Pontevedra) en C-1 foron as máis rápidas nas súas categorías.
Ademais, sumando os resultados de todas as categorías inferiores a Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra conseguiu o trofeo ao mellor club, seguido do Náutico O Muíño e Piragüismo Vilaboa.
Nesta ocasión a Baixada do Umia tiña consideración ademais de Campionato Galego de Ríos e Travesías.