Arrancan os campionatos de España de baloncesto Infantil en Cambados e Pontevedra
Por Redacción
Os campionatos de España de baloncesto en categoría Infantil xa están en marcha en Pontevedra e Cambados, cunha competición que se prolongará ata o próximo sábado 21 de xuño.
A cidade de Lérez acolle o torneo feminino, cun Club Baloncesto Arxil que ademais de anfitrión comezou de xeito brillante o campionato, impoñéndose de xeito claro ao La Salle Melilla (46-71) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
As verdes postúlanse como candidatas a chegar ás roldas definitivas nun grupo no que se deu unha das sorpresas da xornada inaugural coa derrota do Tuenti Movil Estudiantes ante o Restaurante Barros (53-55).
Ademais do CGTD a competición desenvólvese no Pavillón Municipal dos Deportes e o Pavillón Universitario.
Por outra parte tamén se estreou o torneo masculino, que conta como sede principal co Pavillón do Pombal, en Cambados, e subsedes en Vilanova de Arousa e Meaño.
Os primeiros partidos entre os rapaces demostraron unha grande igualdade, cos equipos favoritos mostrando as súas credenciais con triunfos máis claros sobre os seus rivais, como os casos de Real Madrid (133-25 ante o Grupo 76 Alkasar) ou FC Barcelona (125-34 ao CB Plasencia).