Jean Marie Okutu e Ana Peleteiro lócense no Campionato Galego celebrado en Pontevedra
Por Redacción
O atleta marinense do Fútbol Club Barcelona Jean Marie Okutu foi o gran protagonista do Campionato Galego Absoluto de Atletismo celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Okutu logrou na casa o récord galego de lonxitude cun salto no que ademais derrubou a barreira dos oito metros (8,01), logrando por se fose pouco a marca mínima para o Campionato de Europa de Zúrich.
As pistas do CGTD acolleron durante todo o domingo unha intensa xornada deportiva rodeada dun grande ambiente no que outra das figuras foi a ribeirense Ana Peleteiro, a pesar de renunciar á súa especialidade, o triplo salto.
Peleteiro logrou o outro récord autonómico da xornada nos 100 metros lisos, cunha marca de 11.93.
TRECE MEDALLAS PARA A XIMNÁSTICA
O club anfitrión, a Sociedad Gimnástica, tivo un papel destacado no campionato logrando un total de 13 medallas con dous oros, catro platas e sete bronces.
O gran triunfador da entidade lerezana foi Víctor Gallego, con senllos triunfos nos lanzamentos de peso e de disco, nesta última disciplina acompañado no podio por Martín Brea, terceiro.
En canto ás medallas de prata foron para Clara Gil (pértega), Eva Iglesias (5.000 marcha), Elvira Okutu (lonxitude) e Santi Ferrer (pértega).
Tamén subiron ao terceiro chanzo do podio David Ferrer (lonxitude), David Salas (400 valos), Darío Costas (100 lisos), Ángel Vargas (200 lisos), Alfonso Pérez (400 lisos) e Ángeles Filgueira (xavelina).
Relacionadas:
-
Jean Marie Okutu, seleccionado para representar a España no Campionato de Europa de Zurich
Por Redacción |
-
Os atletas da Gimnástica suman 16 medallas no Campionato Galego Promesa, Júnior e Xuvenil
Por Redacción |
-
Os mellores atletas autonómicos cítanse o domingo en Pontevedra no Campionato Galego Absoluto
Por Diego Espiño |