ÿscar Graña e Ramón Ferro, campións de Europa de Maratón en C-2; Álvaro Fernández Fiuza, segundo en K-2
Por Redacción
O pontevedrés ÿscar Graña segue acrecentando a súa lenda. Xunto co seu inseparable compañeiro, Ramón Ferro, reeditaron o seu título de campións de Europa de maratón na modalidade de C-2 no Europeo disputado en Piestany (Eslovaquia). Non foi o único éxito dos padexeiros pontevedreses nestes campionatos, xa que o tudense Iván Alonso, acompañado de Emilio Merchán, tamén repetiu triunfo. No seu caso, na proba de K-2
Ramón Ferro e ÿscar Graña lograron o seu obxectivo en C-2. Volveron estar no máis alto do podio, ao igual que en Vila Verde (Portugal) o ano pasado. A autoridade coa que se impuxeron en Eslovaquia queda demostrada nos tempos. Entraron na liña de chegada con 46 segundos de vantaxe sobre Oleksandr Levchenko e Andrii Shapoval, de Ucraína, e case tres minutos ante Dubiak Bartosz e Mateusz Zuchura, de Polonia.
Os pontevedreses dominaron a competición, a pesar de que a parella ucraína foi a que lles creou maiores dificultades. Ata o terceiro porteo mantivéronse igualados, pero Ramón Ferro e ÿscar Graña foron capaces de aumentar pouco a pouco a súa vantaxe ata sentirse cómodos e impoñerse cunha autoridade apisoante.
Nesta modalidade tamén participou o galego Jacobo Domínguez (Breogán do Grove), que compartiu a embarcación co balear Alán Ávila. Finalizaron no quinto posto da clasificación final.
ÁLVARO FERNÁNDEZ FIUZA, SEGUNDO EN K-2
A regata de K-2 foi, pola súa banda, unha das máis emocionantes e igualadas de todo o campionato. Sete porteos e case trinta quilómetros dunha loita constante na que participaron Iván Alonso, Emilio Merchán, Walter Bouzán, Álvaro Fernández Fiuza, Andrew Daniels e Thimothy Pendle. Ningunha das tres tripulacións parecía disposta a ceder no seu camiño cara á medalla de ouro.
Iván Alonso e Emilio Merchán volveron realizar unha regata moi táctica. Controlaron os seus adversarios, apertáronos nalgúns momentos e despois dodificaron as súas forzas. Todos os padexeiros eran conscientes de que o tramo decisivo era a longa recta de chegada.
E nese instante foi cando emerxeu de novo a forza de Iván Alonso e Emilio Merchán. Polo centro da pista, cunha embarcación rival a cada lado. Palearon ata o último metro. Un esforzo necesario para conseguir o triunfo. As diferenzas foron mínimas. Menos dun segundo ante Walter Louzán e o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza. E pouco máis dun segundo fronte aos británicos Andrew Daniels e Timothy Pendle. Marxes que dan idea da tensión do momento e tamén da igualdade entre eles.
Foi un final apoteósico para unha proba esixente e que tivo unha duración superior ás dúas horas. Un desgaste titánico para Iván Alonso que participara o día anterior na modalidade de K-1, unha proba na que os xuíces lle arrebataron a medalla de ouro nunha decisión moi rigorosa. Para o tudense e Emilio Merchán supón a súa segunda vitoria consecutiva no Campionato de Europa tras a lograda en Vila Verde (Portugal) o ano pasado.
A Copa de España de maratón, que se disputará en Pontevedra no mes de agosto, e o Campionato de Mundo en Oklahoma (Estados Unidos), serán as próximas citas para os padexeiros galegos.