'Run for Parkinson's': A segunda edición da PonteNoite 5+5 aposta pola acción social
Por Diego Espiño
O sábado 14 de xuño, ás 21:30 horas, Pontevedra acollerá a segunda edición da proba popular 'PonteNoite 5+5', pertencente ao Circuíto de Carreiras Populares (CCCP).
A competición, que se desenvolverá polas rúas do centro da cidade, adopta nesta ocasión o sobrenome de Run for Parkinson's, colaborando coa Asociación Galega de Parkinson.
A intención é difundir o traballo da propia entidade e dar a coñecer a realidade desta enfermidade cunha iniciativa que leva en funcionamento cinco anos e na que xa participaron 50 cidades de 10 países, segundo recoñeceu na presentación Begoña Cerqueira.
A representante da asociación animou a xente a participar no evento "porque no sólo es una carrera, es también un acto social".
Ao igual que na pasada edición, a PonteNoite ten unha dobre modalidade, de cinco quilómetros ou a de 10.000 metros, nas que se incluirán os inscritos no CCCP.
Aínda que o prazo para anotarse finaliza o próximo 10 de xuño, son xa máis de 480 os atletas que confirmaron a súa presenza na proba, que contará tamén coa participación de preto de 20 persoas con discapacidade das asociacións Xuntos, Juan XXIII, Amencer, Méndez Núñez e Amizade, que quixeron achegar o seu gran de area.
A PonteNoite 5+5 é a terceira das seis citas do calendario do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, no seu segundo ano de vida.
Relacionadas:
-
Iván Docampo e Leticia Fernández gañadores da Pontenoite 5+5
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Atletas con discapacidade adestran ás ordes de Víctor Riobó para participar na PonteNoite 5+5
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Víctor Riobó e Leticia Fernández, gañadores da II edición da carreira popular de Monte Porreiro
Por Redacción |