Atlético Granadilla, rival para o Pontevedra na segunda rolda do play-off
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Club Deportivo Atlético Granadilla. ÿ o rival que lle tocou en sorte ao Pontevedra no sorteo da segunda rolda da fase de ascenso a Segunda B, celebrado na tarde do luns nas instalacións da Real Federación Español de Fútbol, en Las Rozas.
O equipo canario, campión do seu grupo con 82 puntos, un máis que o Tenisca, que foi segundo, quedou apeado da rolda de campións polo Mallorca B, tras ser derrotados por 3-0 no partido de ida, disputado en terras mallorquinas, empatando a un gol no seu feudo no partido de volta.
Os números na tempada regular do conxunto tinerfeño reflicten 26 partidos gañados, 4 empatados e 8 perdidos, con 68 goles a favor e 34 en contra.
A súa sede está na localidade tinerfeña de Granadilla de Abona, un concello situado no interior da parte sur da illa, disputando os seus partidos no Estadio Francisco Suárez, un campo de herba artificial, ao parecer en non demasiado bo estado, cunhas dimensións de 105x65 metros e capacidade para albergar uns 2.000 espectadores, se ben no último partido ante o Mallorca B a entrada rexistrada foi de tan só 600 espectadores.
En canto ao outro representante galego, o Somozas enfrontarase ao cadro madrileño do San Sebastián de los Reyes, xogando o segundo partido da eliminatoria no seu campo de Pardiñas.
O resto de eliminatorias poden consultarse na páxina web da Federación Española de Fútbol.
MANU FERNÁNDEZ ESPERA UN RIVAL "CUN NIVEL ALTO"
O resultado do sorteo non foi o desexado para o Pontevedra, que se decantaba por un desprazamento máis próximo en busca do apoio dos seus afeccionados.
Esa baza será mínima en Canarias ante un equipo, o Atlético Granadilla, á que o adestrador granate, Manu Fernández, mostrou o máximo dos respectos fixándose nunha referencia próxima, a eliminatoria do Cercerda ante o Tenerife B: "tenemos la referencia de que el cuarto fue el Tenerife y acaba de eliminar al Cerceda, así que nos imaginamos que será un nivel alto", declarou o técnico lerezano.
Máis alá de pensar na dificultade de xogar a volta a domicilio nun campo de herba artificial e presumiblemente con calor, Fernández céntrase no partido de ida, no que cre que "para ellos también venir a la península es un quebradero de cabeza, un campo grande y de hierba natural".
O preparador do Pontevedra entende que o Granadilla "viene de perder y sería importante que sobre todo en los primeros minutos de partido les hiciéramos notar esa ansiedad, con la gente que seguro estará en el campo arropándonos", aínda que cre que a eliminatoria, como en Portugalete, se decidirá no encontro de volta.