Pescamar consegue o 27% do Pontevedra cubrindo a ampliación de capital
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol deixou de estar en causa de disolución tras cubrir na súa totalidade a ampliación de capital que estaba en marcha.
Durante a primeira fase do proceso tan só 29 particulares e empresas subscribiron accións, un total 2.845 dos 285.000 novos títulos que se poñían á venda. A un valor de 0,70 euros a acción e unha prima de emisión polo mesmo importe, isto supuxera o ingreso de 3.983 euros.
O resto de accións son as que subscribiu a empresa Pescamar, segundo o anunciado este luns pola xerente da conserveira, Lupe Murillo, e o presidente do Consello de Administración granate, José Manuel Fernández.
Con este movemento Pescamar faise co 27% do accionariado do club (26,64% procedente da ampliación de capital e aproximadamente o 0,5% que xa posuía), converténdose nun dos máximos accionistas da entidade.
En total a conserveira desembolsou 395.017 euros, o que supón un total de 282.155 títulos, para dar por pechada a ampliación de capital e deixar o capital social da entidade nos 747.198,90 euros.
Pescamar desembolsou 395.017 euros, o que supón un total de 282.155 accións
O éxito do proceso de ampliación "tranquiliza mucho la situación económica del Pontevedra", segundo recoñeceu Fernández, ao entender que "había una necesidad imperiosa de que el club se sanease".
Pola súa banda, Lupe Murillo, como representante da empresa, declarou que a decisión de acudir á ampliación de capital por parte de Pescamar débese a que "el club seguía inmerso en causa de disolución".
Ademais Murillo argumentou que a decisión de facer pública a compra este luns débese a "los jugadores y el cuerpo técnico, demostrando nuestro apoyo total en un momento tan importante, y también por la afición, a la que queremos reforzar en estos momentos tan importantes en el que nos jugamos un ascenso a Segunda División B".
A empresa que representa poderá acceder agora, se así o desexa, ao Consello de Administración, aínda que ao ser preguntada por se existe interese en sentar algún representante no órgano decisorio, a xerente de Pescamar limitouse a dicir que "hoy no toca hablar de eso".
O MUNDIAL DE DÿATLON CONDICIONA O HORARIO DO DOMINGO
Por outra banda, o presidente do club recoñeceu que o partido de ida da segunda eliminatoria polo ascenso disputarase o vindeiro domingo "en el entorno de las 20:00 de la tarde".
Este horario débese á coincidencia co Campionato do Mundo de Dúatlon, cuxo circuíto transcorre polos alrededores do Estadio Municipal de Pasarón inhabilitando a zona de aparcamiento habitual dos afeccionados granates.
Por ese motivo José Manuel Fernández reunirase o martes co intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, en busca da mellor solución, que pasaría por atrasar a hora habitual para que conclúa antes o Mundial.
Relacionadas:
-
Lupe Murillo releva a José Manuel Fernández no Consello e a Presidencia do Pontevedra
Por Redacción |
-
En marcha a primeira fase da ampliación de capital do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Pistoletazo de saída á nova ampliación de capital cun chamamento a socios e afeccionados
Por Diego Espiño | Creada e actualizada