Piragüismo Poio domina o medalleiro na Copa de España en Verducido
Por Redacción
O Club Náutico de Sevilla adxudícase a Copa de España de 200 e 500 metros disputada na pista pontevedresa de Verducido durante esta fin de semana. A segunda praza foi para o Kaiak Tudense, adxudicándose o terceiro chanzo do podio a Escola de Piragüismo Aranjuez. O medalleiro estivo dominado polo Piragüismo Poio con 10 preseas seguido do RCN de Palma de Mallorca con 9 e dos delfíns de Ceuta con 6. A competición era decisiva para a configuración da selección española de Piragüismo.
Á marxe da clasificación xeral por equipos estaban en xogo esta fin de semana na pista de Verducido moitas cousas. A conformación definitiva dos equipos Sénior, Júnior e S23 de 200 e 500 metros, ademais de Paracanoe, con que España participará nas grandes citas internacionais de Augas Tranquilas en 2014 virá derivada polos resultados da fin de semana.
Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) leváronse o triunfo en C-2 500 metros, tras eles entraron André Oliveira e Yeray Picallo (Firrete), que antes se impuxeran no C-2 200 metros ao dúo formado por Adrián Sieiro e Jacobo Lores (Piragüismo Poio).
En canto á categoría feminina, Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, do Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, colgáronse o ouro no C-2 200 metros e foron segundas nos 500 metros.
En canoa Sergio Vallejo asinou un gran dobre con protagonismo evidente de Piragüismo Poio que se adxudicou 5 das 6 medallas de C1 en xogo, cos seus compañeiros Alex Fernández e Daniel Durán copando o podio de 500 e deixando só libre a prata para o balear Antoni Segura na final do C1 200.
A outra noticia positiva para o Piragüismo Poio, ademais das dez medallas que logrou, foi a confirmación de que Adrián Sieiro estará no Europeo e o Mundial sub-23.
OUTROS RESULTADOS
Entre os resultados máis destacados a vitoria de Carlos Garrote en K1 200. O zamorano aproveitou a ausencia de Craviotto para impoñerse na final de K1 200 metros por diante do galego Carlos Arévalo e do ceutí Jesús Soler. Na final de 500 metros o mellor foi o mallorquino Marcus Cooper por diante dos galegos Millán e Rodriguez.
En categoría feminina dobrete para a ceutí Isabel Contreras. En K1 200 por diante da madrileña María Corbera e da galega Natalia García. En K1 500 seguida das zamoranas Laura Pedruelo e Eva Barrios.
En canoa masculina dobrete do olímpico balear Sete Benavides que estivo acompañado no podio por Adrian Sieiro, segundo, e André Oliveira 3º tanto nos 200 coma nos 500 metros.
Tamén dobrete na canoa individual feminina para a valisoletana Patricia Coco que tamén tivo as mesmas compañeiras de podio nos 200 que nos 500 metros. Dobre de prata para a galega Susana Casal e de bronce para Ana Isabel Ríos del Blanca de Piragüsimo.
Na categoría júnior os mellores kaiakistas foron o asturiano do Natación Langreo Iñigo Noval nos 200 metros e Pedro Vázquez de Los Rápidos nos 500 metros.
En categoría feminina dobrete incontestable para a asturiana do Grupo de Cultura Covadonga Sara Ouzande en Kaiak e para a mallorquina do RCN de Palma Adriana Paniagua en canoa.
En Paracanoe foron protagonistas da fin de semana Silvia Elvira, Javi Reja e Jonás García e Aitor López.