Que pase o seguinte! O Pontevedra segue adiante ao vencer en Portugalete (1-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Que as eliminatorias de play-off hai que saber xogalas. Que nelas de pouco vale o fútbol vistoso. Son dúas cuestións que por evidentes non deixan de resultar difíciles de manexar por moitos equipos. O Pontevedra soubo facelo. Non xogou brillante. Non xogou bonito, pero fíxoo malgastando ganas, forza, intensidade e fe nas súas posibilidades. O froito recolleuno superando a un Portugalete que llo puxo difícil, que lle fixo sufrir ata o pitido final.
Foi o granate un equipo serio e competitivo como poucas veces na actual tempada. E o foi cando máis o necesitaba. En fronte estaba un Portugalete crecido no seu feudo, e coa confianza que lle daba o empate a un gol de Pasarón. Pero os de Manu Fernández souberon xogar. Xogar coa súa propia necesidade de marcar polo menos un gol para clasificarse, e coa ansiedade do rival por sentenciar ao seu favor.
Os vascos saíron como se esperaba. Fortes, sen concesións nas disputas nin nos balóns divididos. Pero non contaban cun Pontevedra firme atrás, cun Pablo soberbio, inabordable por alto, atento aos cruces e expeditivo á hora de sacar o balón. Pedro Crespo e Kevin Presa encargábanse de sementar de minas o centro do campo, mentres Tubo, Pablo Carnero, pero sobre todo un inmenso Fran Fandiño, buscaban a súa oportunidade.
Aínda así, o primeiro tempo foi de claro dominio local, pero sen profundidade nin remate. O Portugalete tiña o balón, pero o seu perigo, só relativo, reducíase a centros pasados e lanzamentos de esquina, sempre ben resoltos pola zaga granate, sen que Edu tivese que chegar a intervir.
Daba a sensación de que o Pontevedra sentíase cómodo, aínda que se botaba de menos algunha chegada ao área que puxese en apertos á zaga vasca, posiblemente a liña máis discreta do equipo. Os de Manu Fernández perdían pronto o balón na construción, e non lograban conectar cos homes de arriba.
Ademais, insistían case en exclusiva pola banda dereita, deixando a esquerda prácticamente inédita. Pero pasada a media hora a presión agobiante do Portugalete comezou a decrecer. E chegou o que estaba esperando o cadro granate. Unha falta lateral, desde a dereita, pona con precisión no área David Feito. Alí aparece Fran Fandiño para peitear de cabeza, ante a indecisión dos centrais e porteiro locais, que se quedaron cravados, na mesma medida que as gradas da Florida gritaban "gooool" en galego.
Era a primeira aproximación ao área rival e o Pontevedra poñíase por diante na eliminatoria. O tanto o acusou o Portugalete, o que permitiu aos granates pasar polos seus mellores minutos, levando o balón máis cerca do área de Urko Macías. As sensacións cambiaran, e a impresión é que o descanso foi unha bendición para o cadro local.
E foino. Tanto que apenas transcorreran sete minutos desde a reanudación cando o Portugalete pagaba ao Pontevedra co seu mesma moeda, ao rematar Santxo de cabeza en plancha unha falta lateral moi parecida á que lle deu vantaxe aos granates. Era o empate. Comezaba un novo partido e unha eliminatoria reducida a pouco máis de trinta minutos.
O primeiro en intentalo foi David Pérez. O seu disparo desde a frontal mándao Urko Macías a corner. Pero máis clara foi a de Pablo Carnero. O seu remate picado de cabeza, á saída dun lanzamento de esquina, sálvao baixo paus Txabi Galán.
Os granates reaccionaran ao gol como un equipo curtido, convencido de que podían logralo. Ademais, contaban cun apoio incrible desde a grada, onde os 200 afeccionados pontevedreses non pararon de animar, superando á inchada local na maior parte do tempo.
Ata que o Portugalete cometeu un erro, froito tamén do traballo dos puntas granates. Pablo Carnero encima a Cerro, que se fai unha lea e permite que Tubo lle roube o balón e a carteira. Pola dereita apareceu incorporándose Fran Fandiño, que lle deu coa dereita e con toda a súa alma, batendo a Urko Macías cun duro disparo cruzado, a media altura.
Era o 1-2. Con el media eliminatoria. Restaban 22 minutos por xogar, pero daba igual. Houbo nervios, claro. Na afección visitante, pero non no equipo, que soubo durmir o partido cando fixo falta, e frear o xogo directo ao que recorreu en última instancia o equipo local. Ata, a media que pasaban os minutos, a sensación apuntaba a que estaba máis preto o terceiro gol granate que o posible empate.
Finalizado o partido, equipo e afección celebrárono xuntos. Valeu a pena a malleira de viaxe, pensaban todos. O Pontevedra estará no bombo da segunda eliminatoria. Con xustiza. Con todo merecemento. Con casta e orgullo. Superando a domicilio a un digno rival.
CLUB PORTUGALETE (1): Urko Macías (1); Ibai Rejas (1), Cerro (1), Eneko (1), Txabi Galán (1); Salútregui (2), Albisua (2); Sergio Martín (1), Korta (1), Borja (1); e Santxo (2).
Sustituciones: Sergio García (1) por Borja, minuto 53. Katxorro (1) por Eneko, minuto 66. Alberto (s.c.) por Korta, minuto 76.
PONTEVEDRA CF (2): Edu (2); Adrián (2), Pablo (3), Miguel (2), David Feito (2); Pedro Crespo (2), Kevin Presa (2); Tubo (3), Fran Fandiño (3), David Pérez (2); e Pablo Carnero (3).
Sustituciones: Moreira (2) por Kevin Presa, minuto 71. Kevin Levis (2) por Fran Fandiño, min 78. Benja (s.c.) por Tubo, minuto 90.
Árbitro: Miguel Ángel Vila Sánchez (Navarra), auxiliado nas bandas por Míkel Ballano Roldán e Javier Palomo Fuentetaja. Amonestó a Salútregui, Ibai Rejas y Eneko, polo Portugalete, e a Pedro Crespo y Kevin Presa, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 38: Fran Fandiño. (1-1) Minuto 52: Santxo. (1-2) Minuto 68: Fran Fandiño.
Incidencias: Campo La Florida (Portugalete). 1.800 espectadores, segundo fontes oficiais do Club Portugalete, con presenza de preto de 200 afeccionados granates, chegados en dous autobuses e numerosos vehículos particulares.