Carmen Gómez Cortés busca en Holanda a súa clasificación para os Xogos Olímpicos da Xuventude
Por Redacción
A mediana das irmás Gómez Cortés, Carmen, viaxa esta fin de semana a Weert (Holanda) en busca dunha praza para os Xogos Olímpicos da Xuventude.
A triatleta pontevedresa, enrolada nas filas do Triatlón Ferrol, acode ao clasificatorio europeo dentro do equipo de seis deportistas convocado pola Federación Española, no que tamén se encontran outros dous galegos, a ferrolana Inés Santiago e o compostelán Andrés Cendán.
Só un deportista por categoría logrará praza para os Xogos que se disputarán, na modalidade de tríatlon, entre o 17 e o 21 de agosto na localidade chinesa de Nangjing, xa que Europa só dispón de 11 prazas para a cita.
A competición, prevista para a mañá do sábado, desenvolverase sobre a distancia sprint cun segmento de natación de 750 metros, 1,7 quilómetros en bicicleta e por último 5 quilómetros de carreira a pé.