Catro medallas para atletas da Gimnástica no Campionato de España Universitario
Por Redacción
Cartagena acolleu o Campionato de España Universitario, unha cita na que os atletas da Sociedad Gimnástica, levan varios anos conseguindo magníficos resultados, que novamente repetiron nesta edición, logrando catro medallas de bronce.
A destacar a actuación de Víctor Gallego, que se levou dous preseas no lanzamento de peso, con 16.70, e en disco, cunha marca de 51.83 metros. David Alejandro foi outro dos laureados na proba do hectómetro, aínda que cunha discreta marca de 11.08, motivada polo vento en contra.
O medalleiro do club pontevedrés completouno Alberto Salcedo, que foi terceiro nos 200 metros, cunha marca de 21.46.
Aínda que non subiron ao podio, en Cartagena estiveron tamén Gustavo Avilés, que con 49.91 nos 400 metros non logrou clasificarse para a final da distancia, mentres David Ferrer, tras saltar 6.55 metros no seu primeiro intento na proba de lonxitude, se viu obrigado a abandonar por unha lesión na súa segunda tentativa, quedando sexto.
No triplo salto, os 14.46 metros de José Ángel Gómez, déronlle o sexto posto da proba. E por último, Manuel Molinos chegou ata os 2.02 metros no salto de altura, clasificándose sexto.
De cara á próxima fin de semana, con inicio da División de Honra, os atletas pontevedreses demostraron que están nun bo momento para o debut da Gimnástica na máxima categoría.