Cuarta vitoria consecutiva dun Mareantes que mantén o ritmo de cabeza
Por Redacción
Boas sensacións as que transmite o Mareantes Rugby Club neste inicio de tempada. Os pontevedreses son segundos na Primeira División Galega logo de sumar catro vitorias noutras tantas xornadas de competición. Tan só os bonus ofensivos outorgan un punto de vantaxe ao Universidade de Vigo B, único equipo que comparte a condición de invicto e ao que precisamente se enfrontará o próximo fin de semana o Mareantes a domicilio.
O equipo adestrado por Raúl Varela foi moi superior esta vez ao Rugby Club Ferrol na Malata, vencendo sen excesivos problemas (5-20) nun partido que dominaron dende os primeiros instantes pero no que non conseguiron despegarse no tanteador ata ben entrada a primeira metade.
O Pontevedra Rugby Club, líder na Segunda Territorial
Tamén empezaron moi ben as cousas para o outro equipo da cidade, o Pontevedra Rugby Club, que tras dobregar ao Santiago (57-10) en Monteporreiro recupera o liderado da Segunda Territorial tras gañar os tres partidos que disputou. O primeiro posto porase en xogo a próxima xornada no enfrontamento co CRAT Universidade da Coruña B, colíder xunto aos pontevedreses.