A Subida Cidade de Pontevedra chega á súa décimo sétima edición con cambio de data
Por Redacción
A Subida Cidade de Pontevedra cambia de data en busca de "unha maior repercusión" e abandona o mes de agosto para celebrar a súa décimo sétima edición esta próxima fin de semana, os días 10 e 11 de maio.
A proba automobilística, convertida nunha das de maior repercusión en Galicia, congregará preto de 60 participantes na que será a primeira cita do Campionato Galego de Montaña.
A competición desenvolverase no percorrido habitual en Marcón, na estrada cara ao polígono do Campiño, pero nesta ocasión o parque pechado estará situado na céntrica Praza de España, co obxectivo de achegar a proba á cidadanía, tal e como recoñece o presidente da Escudería Ciudad de Pontevedra, Florentino Leiro.
Os primeiros adestramentos e as dúas mangas oficiais que darán inicio á suba celebraranse dende as 16:00 horas do sábado, quedando para a mañá do domingo, dende as 9:30 horas, a resolución coas últimas mangas cronometradas.
Dende a organización aproveitaron a presentación do evento para solicitar a colaboración dos afeccionados durante a proba, respectando as indicacións dos comisarios de ruta en busca dunha maior seguridade.