O Leis Pontevedra ascende a Segunda División B
Por Redacción
Inmellorable final de liga para o Leis Pontevedra, que certificou en Coruña o seu ascenso á Segunda División B do fútbol sala nacional.
O conxunto lerezano aproveitou o tropezo da Estrada en Carballiño (8-3) para conseguir a primeira posición nunha última xornada de infarto.
Os de Manu Cossío tiveron que sufrir para cumprir a súa parte e vencer na pista do 5 Coruña FS (2-4), nun encontro axustado que non se resolveu ata os minutos finais cun gol de Raúl que levaba a tranquilidade á expedición lerezana.
Finalmente os tres puntos serven ao Leis para alzarse co campionato con 53 puntos, os mesmos que Burela B, cun de distancia sobre o filial do Santiago Futsal e tres coa Estrada.
Agora o equipo adestrado por Manu Cossío afrontará a competición de copa nunha edición que contará na súa fase final con Pontevedra como sede durante a primeira semana do mes de xuño.