Festa no Carrasco: o Marcón ascende a Rexional Preferente por primeira vez na súa historia
Por Redacción
O Marcón escribiu este domingo a páxina máis brillante da súa historia. Coa súa vitoria por 2-1 ante o Cruceiro do Hío no campo do Carrasco, os pontevedreses certificaron o seu ascenso á Rexional Preferente. E fano ademais pola porta grande, xa que a derrota do Erizana en Moaña permite aos homes de Carlés proclamarse campións do grupo 5 da Primeira Autonómica, a falta de dúas xornadas.
Non foi, non obstante, un partido doado para o Marcón. Lograron darlle a volta a un encontro que non comezaba nada ben para eles. Visiblemente nerviosos, conscientes de que se estaban a xogar o ascenso ante a súa afección, os xogadores locais despregaron nos primeiros minutos un xogo impreciso e moi precipitado que aproveitaron os seus rivais para adiantarse no marcador e enmudecer á afección pontevedresa.
A pesar diso, súa foi a primeira ocasión clara do partido. Era o minuto 4. Iván sacaba unha falta moi perigosa ao bordo da área e o remate de cabeza de Sapi marchaba fóra por moi pouco. Pero tres minutos despois, o Cruceiro do Hío materializaba o seu único tiro na primeira parte. Cris sorprendía á zaga local cun centro chut dende fóra da área que se coaba pola escuadra esquerda de Vladi, sen que o porteiro puidese facer nada por deter o balón.
Puido empatar o Marcón no minuto 17. Gabi derrubaba claramente a Fernando na súa área e o árbitro non dubidaba en sinalar a pena máxima. Pero Zalo, que enganou o porteiro visitante co seu disparo, estrelaba o balón no pau. Non se desanimaron os locais e a partir de aí tomaron as rendas do partido e non deron opción ao Cruceiro do Hío, cuxos xogadores se limitaban a tratar de frear as acometidas ofensivas dos pontevedreses.
Das botas de Sapi, o home máis activo do Marcón na primeira parte, chegaron as opcións máis claras para lograr o empate. Sobre todo no minuto 31, cando tras unha boa xogada pola banda dereita puxo un balón á área que nin Martín nin Marcos acertaron a rematar. Ou no 40, cando tras un balón que lle chegou ao pé rematou disparando moi forzado e o porteiro atrapou sen problema. Tamén a falta de tres minutos para o descanso, un gran disparo de Martín se ía alto por moi pouco.
DOMINIO ABSOLUTO DO MARCÿN NA SEGUNDA PARTE
Tras a reanudación, o Marcón demostrou que saía con ganas de darlle a volta ao partido. Non obstante, os primeiros dez minutos volvéronselle atragoar aos locais. Por sorte, o Cruceiro parecía decidido a non facer máis que tratar de defender a renda lograda na primeira parte. E tras unha serie de intentos, chegaba o gol do empate. Era o minuto 61 e tras un saque de esquina, xogadas nas que os locais crearon moito perigo, e previo remate dun segundo compañeiro, Sapi enviaba de cabeza o balón ao fondo das mallas.
Tivo o Marcón varias ocasións máis para adiantarse no marcador, especialmente dous minutos despois do gol. Un centro de Zalo pasábase por diante da portaría de Pana sen que Sapi chegase a tempo de golpear o balón. Pero tamén o Cruceiro deu un bo susto. Gabi roubaba un balón na frontal da área e os seus dous disparos a porta foron rexeitados por un Vladi ben colocado baixo os paus.
Acertou entón Carlés cos cambios e deu entrada a Diego Riveiro no minuto 73, un xogador que deu máis profundidade e perigo ao xogo do Marcón. El mesmo estivo a punto de marcar o 2-1 aos tres minutos de estar sobre o campo. Pero o gol da vitoria chegou das botas dun xogador do Cruceiro. Era o minuto 79 e Sergio tratando de despexar da súa área un perigoso centro de Zalo introducía o balón na súa propia portaría.
A euforia desatouse entón nas bancadas do Carrasco. O ascenso estaba a un paso. E máis cando o árbitro expulsaba con vermello directo a Fungue, xogador do Cruceiro, tras unha forte entrada por detrás a Marcos. A xogada provocou a anécdota desagradable do partido, xa que varios xogadores do equipo visitante encaráronse con afeccionados do Marcón que lles recriminaban a súa excesiva dureza sobre o terreo de xogo.
Cun home máis sobre o campo, o Marcón fíxose dono do balón e xa non temeu máis polo resultado. O Cruceiro baixou os brazos e a punto estiveron mesmo os pontevedreses de sentenciar o partido cun terceiro gol. Diego Riveiro primeiro e Marcos despois, este último só diante do porteiro, non acertaron a superar a Pana e o marcador non se moveu máis. Un 2-1 suficiente para certificar o ascenso a Rexional Preferente.
"Que unha parroquia como a nosa esté o ano que vén competindo con todo un Villalonga, con todo un Pontevedra B (...) é algo incrible"
Ao remate do partido, o presidente do Marcón Atlético, Juan Carlos González, visiblemente emocionado, aseguraba a PontevedraViva que "esto é un soño para nós, é un día moi especial". Afirmou que o feito de que "unha parroquia como a nosa esté o ano que vén competindo con todo un Villalonga, con todo un Pontevedra B, con concellos fortísimos é algo incrible, pero hoxe demostramos que de ilusión tamén se vive".
Juan Carlos González quixo facer partícipe deste éxito a toda a parroquia de Marcón, pero aproveitou para destacar o traballo de toda a xunta directiva, do adestrador do equipo e dun plantel "no que eu confiaba moito". Sinalou que o grande acerto desta tempada foi a unión interna do equipo, xa que "xa levamos uns anos cun grupo de amigos que se dedicaban a xogar ao futbol e este ano cuns pequenos retoques o traballo de todos deu os seus froitos".
MARCON ATLETICO (2): Vladi, Marcos, Yago, Valiñas, Álvaro, Fernando (Rodri, min. 80)), Sapi, Arturo, Martín (Diego Riveiro, min. 73), Zalo (Cristian Fandiño, min 86), Iván (Cris Peón, min. 78).
CRUCEIRO DO HIO (1): Pana, Seque (Fungue, min. 77), Gabi, Darío, Jandro, Antón, Zalo (Eloy, min. 67), Sergio, Cris (Raúl, min. 83), Saúl, Noel (ÿscar, min. 72).
Árbitro: Veiga Gómez, auxiliado nas bandas por Sainz López e Hamza Aboufaris. Amonestou con tarxeta amarela a Gabi, Zalo e Sergio e con tarxeta vermella directa a Funge, todos eles do Cruceiro do Hío.
Goles: (0-1) Minuto 7: Cris. (1-1) Minuto 61: Sapi. (2-1) Minuto 80: Sergio (p.p.)
Incidencias: Partido disputado no Carrasco (Marcón). Cheo nas gradas para ver o histórico ascenso do Marcón a Rexional Preferente. A afección invadiu o campo tralo asubío final.