Gómez Noya afiánzase no liderado das Series Mundiais tras gañar en Cidade do Cabo
Por Redacción
Dominando e con autoridade, así gañou Javier Gómez Noya a segunda proba da tempada nas Series Mundiais de Triatlón, disputada na localidade sudafricana de Cidade do Cabo.
O galego logra así o seu segundo triunfo noutras tantas citas para afianzarse no liderado e comezar do mellor xeito posible a súa defensa do título.
En Cidade do Cabo o guión foi calcado ao da primeira cita, en Auckland, con Jonathan Brownlee no segundo lugar do podio a 19 segundos de Gómez Noya.
O triatleta afincado en Pontevedra saíu da auga preto dos primeiros, formandose un grupo de cabeza no que tamén estaba Brownlee e que lograba distanciar no sector de ciclismo outro dos favoritos, Mario Mola.
Tras a última transición arrancou unha carreira a pé que axiña se converteu nun man a man entre Javi Gómez Noya e Jonathan Brownlee, ata que nun cambio de ritmo no quilómetro seis o británico quedou descolgado, deixando na man a vitoria do español.
Por detrás Dmitry Polyanskiy finalizou en terceiro lugar resistindo o ataque de Mario Mola, que remontou ata chegar cuarto realizando o mellor rexistro dos partipantes no último sector.
A próxima cita das Series Mundiais celebrarase en Yokohama (Xapón) os días 17 e 18 de maio.