E por fin fútbol...Pontevedra-As Pontes coa sombra da protesta da afección
Por Ramiro Espiño
Pontevedra C.F. e C.D. Ás Pontes enfróntanse en Pasarón (domingo, 17,00 horas) nun partido vital para os granates que están obrigados a gañar para conseguir, ademais dos tres puntos, lavar a mala imaxe das últimas xornadas e evitar que o seu rival, polo momento a revelación da tempada, se lle marche a unha distancia de sete puntos.
O partido chega ademais marcado pola polémica e a fractura aberta entre unha boa parte da masa social e o adestrador, Milo Abelleira. As penas granates máis significativas anunciaron a súa intención de realizar unha protesta dirixida ao técnico e ao consello de administración, abandonando a bancada no minuto 5 de partido para retornar a esta no descanso e dende ese momento brindar o seu apoio total ao equipo.
Como consecuencia a semana foi convulsa e chea de noticias extradeportivas, se ben algunha moi positiva para o futuro do club, como o feito da adhesión de Mombus ao plan de viabilidade proposto polo Pontevedra no concurso de acredores no que está inmerso. Agora trátase de recuperar o protagonismo do balón, dos xogadores, e que estes sexan capaces de dar unha alegría á súa inchada, tan necesitada delas.
Santi Domínguez estará ausente, por segunda xornada consecutiva, por motivos laborais
Tras o último ensaio da semana realizado en Pasarón (sábado, día 17), confírmase a baixa por segunda xornada consecutiva do máximo goleador do equipo, Santi Domínguez. De novo motivos laborais impiden que o dianteiro poida estar dispoñible, nunha situación coñecida e aceptada previamente polo club, pero dificilmente entendible nunha entidade como a granate, que non puido ou sabido xestionar un feito que comeza a ser preocupante xa que pode repetirse máis veces ao longo da tempada e en momentos claves.
Quen tampouco estará a punto é Pacheco. O lateral, que adestrou á marxe do grupo, segue con molestias nun nocello e será baixa, o mesmo que Buba, operado o venres con éxito da súa lesión de menisco que o manterá no dique seco por espazo de dous meses.
Na parte positiva hai que salientar a recuperación de Iago Paz, que adestrou con total normalidade, o mesmo que Caco, que regresa a unha convocatoria despois de máis dun ano de baixa por lesión.
Como consecuencia de todo iso, Milo Abelleira citou 18 xogadores, destacando a presenza do xuvenil, Javi Pazos, que podería aproveitarse da baixa de Santi Domínguez e dispoñer de minutos no partido para certificar o olfacto de gol do que vén facendo gala cada semana co filial.
A convocatoria completa intégrana: Lloves, Lorenzo, Caco, Adrián, Cristóbal, Sestelo, Pablo, Yago Vázquez, Nano, Tubo, Moisés, Iago Paz, Jacobo, Fran Fandiño, Breogán, Javi Pazos, Richi e Stefan.
En canto ao once inicial, Milo mantén dúas dúbidas, nos laterais, onde Cristóbal, Adrián e Nano se disputan dous postos, e na posición de interior, con Tubo, Fran Fandiño e Jacobo para outras dúas posicións, se ben neste caso o ensaio deixou entrever que Tubo pode acompañar a Stefan na punta de ataque, co cal entrarían os outros dous xogadores nas bandas, nun equipo que apunta a estar formado por: Lloves; Cristóbal, Sestelo, Pablo, Nano; Fran Fandiño, Iago Paz, Moisés, Jacobo; Tubo e Stefan.
Polo que se refire ao cadro Das pontes, non é de estrañar a súa boa marcha ante as incorporacións que conseguiu facer para esta tempada. Fichaxes como os Pablo López (pretendido polo Pontevedra), Rochela, Dieguito, xunto cun renacido Sergio Arias, converteron o equipo que dirixe Manolo García nun rival temible para calquera adversario.
O partido terá ademais un árbitro inédito, tanto por non dirixir nunca ningún dos contendentes, coma pola súa pertenza ao colexio catalán. Trátase de Carlos Rodríguez Enrique (Barcelona) e a razón da súa nominación, cando en terceira só pitan colexiados da mesma territorial, hai que buscala no convenio de intercambio que están a poñer en práctica os colexios galego e catalán, para ampliar a experiencia e formación dos seus afiliados.