Lucía Vázquez e Brandan Márquez, vencedores da etapa de Ponte Caldelas da Rías Baixas Bike Race
Por Redacción
Ponte Caldelas puido gozar da segunda etapa da Rías Baixas Bike Race, unha proba por etapas de BTT Maratón que finaliza este domingo en Redondela.
Sobre un trazado esixente pola súa dureza, complexidade técnica e lonxitude (50 quilómetros), os 125 ciclistas inscritos protagonizaron un bonito espectáculo que tivo como punto de saída e chegada a Alameda do municipio pontevedrés.
O pelotón percorreu os montes da zona pasando por moitas das parroquias de Ponte Caldelas, nunha etapa dominada por corredores galegos.
En categoría feminina a vencedora foi a ciclista de Vilaboa Lucía Vázquez, que se impuxo con claridade distanciando á segunda clasificada en máis de tres minutos e medio.
Pola súa banda o santiagués Brandan Márquez entrou en primeiro lugar na meta tras superar no sprint o líder da xeral, o corredor do Extremadura GR100 Pedro Romero.