Un mal comezo lastra o Pontevedra B que cae (4-2) fronte ao Lalín
Por Redacción
Non foi capaz o Pontevedra B de adaptarse ás reducidas dimensións do campo da Golada no que se xogou o partido, e o pagou cunha derrota fraguada na primeira media hora. Os locais, cos seus referentes ofensivos ausentes, recorreron ao fútbol directo e en apenas 30 minutos puxéronse cun contundente 3-0 de vantaxe no marcador.
Unha man de Kevin Presa dentro da área, no minuto 12, daría a oportunidade a Damián para inaugurar o marcador, de penalti. Catro minutos despois Rucho marcou o segundo cun disparo dende fóra da área, e Toño repetía case do mesmo xeito para facer o terceiro que parecía deixar o partido sentenciado de forma prematura.
Non obstante o Pontevedra B reaccionou na segunda metade, e Kevin Levis, con dous goles en tres minutos, o primeiro de penalti, parecía meter o filial no partido. Pero nunha acción illada o Lalín, que non creara perigo na segunda parte, conseguía unha contra culminada por Toño para facer o 4-2, nun man a man con Adrián para dar aos locais a tranquilidade necesaria para non volver pasar apuros.
CD LALÍN (4): Michi; Rubén, Marcos, Rucho (Juan Silva, min. 75), Manu (Brian, min. 78), Damián (Suso, min. 57), Maceiro, Joselu, Kevin, Reboredo e Toño.
PONTEVEDRA B (2): Adrián; Uru (Alves, min. 54), Bruno (Félix, min. 46), Marou, Collazo, Kevin Presa (Dani Adán, min. 78), Héctor, Kevin Levis, Diego (Pedro, min. 55), Ismael e Emilio.
Árbitro: Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo), auxiliado nas bandas por Pablo Coya Gómez e Rubén León Casal. Amoestou a Rubén, Marcos, Manu, Maceiro e Joselu polo Lalín, e a Marou e Kevin Presa polo Pontevedra B.
Goles: (1-0) Minuto 12: Damián, de penalti. (2-0) Minuto 16: Rucho. (3-0) Minuto 26: Toño. (3-1) Minuto 53: Kevin Levis, de penalti. (3-2) Minuto 56: Kevin Levis. (4-2) Minuto 64: Toño.
Incidencias: Campo do Hospitalillo (A Golada). Uns 150 espectadores.