Caco: "Levo unha semana nervioso, estou como un neno con balón novo"
Por Ramiro Espiño
Logo dun auténtico calvario, Carlos Fernández Pedrós "Caco" está de novo a disposición de Milo Abelleira e podería gozar dos seus primeiros minutos en liga contra As Pontes. Primeiro foi unha lesión de xeonllo, despois en pretemporada problemas musculares derivados da inactividade e para rematar unha sanción de dous partidos por un incidente en Barbadás.
Cales son as sensacións de alguén que está a piques de volver xogar logo dun ano?
Levo unha semana moi nervioso todos os días, estou como un neno con balón novo, con moitas ganas e ilusión. A ver se consigo facerme un oco este domingo.
ÿ o final dun pesadelo?
Toco madeira, espero que si. Levo dúas semanas completas co grupo e as sensacións son boas, agora aos poucos teño que ir collendo minutos e ritmo de competición, preciso un pouco de paciencia para porme a ton.
Cantas veces pensaches, e se xogo o domingo?
Cada minuto pénsoo dez veces. Na cabeza teño xogar, senón viñese adestrar con esa mentalidade non podería competir
Volves nunha situación complicada para o equipo
Claro que non é a situación que quixésemos, pero todos os equipos teñen refachos e agora estamos nun mal momento. Xa tivemos un o ano pasado e saímos adiante, agora non vai ser menos.
"Precisamos volver á solidez defensiva dos primeiros partidos e un pouco máis de velocidade en ataque"
Como se lle pode dar a volta?
Empezando por gañar o domingo e facer de Pasarón un fortín. Precisamos volver á solidez defensiva dos primeiros partidos, onde non encaixabamos goles, e despois un pouco máis de velocidade en ataque.
O calendario é complicado, se fose ciclismo serían os vosos Alpes?
Nestas fases é onde cada un madura e faise mellor xogador. Hai que dar o do de peito, xa fallamos contra todos os de abaixo e agora hai que gañar aos de arriba ou polo menos dar a cara.
Tedes medo ao recibimento do domingo?
Persoalmente eu non. A min que me asubíen non vai facer que poida correr menos no campo. Eu creo que a xente sabe recompensar ben os esforzos que se fan no campo e esperemos que estean animándonos.
Chega a Pasarón o terceiro clasificado As Pontes, podédesvos permitir un novo tropezo en casa?
Empezaron moi ben a liga, pero non quere dicir nada, tamén nós o ano pasado gañamos sete partidos seguidos e logo estivemos cinco sen gañar. Están facendo un bo inicio pero non son mellores que nós. De todos os xeitos creo que aínda temos marxe, perder non creo que sexa nada catastrófico pero tanto nós como sobre todo a afección merécese a alegría dunha vitoria na casa.