Monbus salva ao Pontevedra C.F. ao converterse en accionista
Por Ramiro Espiño
O Pontevedra C.F. pode respirar economicamente tras a decisión de Raúl López de adherirse á proposta de convenio realizada polo club dentro do concurso voluntario de acredores ao que está sometida a entidade granate. Este xesto do empresario lucense, sumado ao resto de acredores que previamente asinaron tamén a súa conformidade, supón na práctica que o proceso concursal poida finalizar en breve, o que permitirá ao Pontevedra recuperar a normalidade na xestión diaria, garantindo a viabilidade económica da sociedade.
Segundo puido saber PontevedraViva, o empresario lucense aceptou converter a débeda que mantén o Pontevedra con Monbus en accións, pasando a integrarse na masa accionarial da entidade granate, o que na práctica significa superar a cifra de acredores ordinarios necesaria para que na xunta de acredores prevista para o próximo 26 de novembro no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra a proposta de convenio salga adiante sen problemas legais.
Raúl López estará mañá, venres, ás 17,30 horas, nas novas oficinas do Pontevedra, en Pasarón, para proceder á firma e explicar posteriormente en rolda de prensa o alcance do acordo no que foi decisiva a mediación da actual asesora do Consello de Administración do Pontevedra, Lupe Murillo.
Aínda que nada transcendeu ao respecto, este acordo do empresario lucense co Pontevedra aumenta as expectativas de chegar a outro similar coa S.D. Teucro, se ben neste caso haberá significativos cambios por canto ao non se tratar dunha sociedade anónima, a entidade teucrista ten a opción do troco de débeda. Nada estrañaría que no mesmo acto de Pasarón, Raúl López se pronuncie tamén sobre a situación do primeiro club de balonmán pontevedrés.