As peñas do Pontevedra mostrarán a súa desconformidade con Milo Abelleira e co Consello de Administración
Por Ramiro Espiño
As peñas do Pontevedra C.F. teñen decicido mobilizarse e mostrar a súa desconformidade tanto coa marcha deportiva do primeiro equipo, da que responsabilizan moi directamente o adestrador, Milo Abelleira, como coa xestión que vén realizando o actual Consello de Administración presidido por Mauricio Rodríguez.
En nome dun número importante de peñas, o colectivo Unión Granate remitiu aos medios de comunicación unha nota na que anuncian a súa intención de manifestarse o próximo domingo en Pasarón, durante a disputa do partido entre Pontevedra, C.F. e C.D. As Pontes. O texto do devandito comunicado reproducímolo integramente a continuación:
"En nome dos distintos colectivos, peñas e siareiros granates, querémoslles comunicar e facerlles partícipes da protesta que se vai levar a cabo no estadio de Pasarón o próximo domingo 18, no encontro que nos enfrontará ao CD As Pontes. Amosarase o apoio ao equipo e deseguido, no minuto 5 da primeira parte, abandoarase a bancada. Tentaremos chegar, a pesar que o tempo está na nosa contra, ao máximo de siareiros posibles".
"Queremos axudar ao noso clube, -segue dicindo a nota de Unión Granate-, e entendemos que a labor do adestrador non está a ser a axeitada ao igual que a do consello de administración, plans de viabilidade a parte, quen está a permitir que a imaxe do Pontevedra CF SAD se este a deteriorar dun xeito incrible. Tras máis de 70 anos de historia non podemos permitir que o noso clube chegue a desaparecer ou que non se estean a acadar os resultados que se deben".
Como se indica, as peñas, situadas na súa maioría no Fondo Norte do estadio, apoiarán a saída do equipo ao campo, abandonando a bancada no minuto 5 de partido e permanecendo fóra do estadio durante o resto do primeiro tempo, para regresar ás súas localidades no descanso, apoiando os xogadores dende ese momento.