O Arxil vence ao Cortegada (64-53) e segue aspirando ao play-off
Por Redacción
Era un duelo de eliminación e o Arxil levouse finalmente o gato á auga, mantendo intactas as súas opcións de clasificarse para o play-off de ascenso.
As verdes impuxéronse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra ao Cortegada (64-53) nun encontro no que se mostraron superiores, a excepción do segundo cuarto, no que as visitantes se mostraron máis intensas.
Sen embargo o equipo lerezano estivo sempre por diante no electrónico, apoiado nos bos números de María Lago (16) e sobre todo Minata Keita (26 puntos).
Esta vitoria, unida á derrota do Celta, sitúa ás de Mayte Méndez a un só triunfo da cuarta praza, que dá dereito a xogar polo ascenso, con dous partidos por disputarse.
Nesas dúas xornadas o Arxil deberá facer pleno para superar os seus dous rivais, Celta e Adba Avilés.
Pola súa banda tras caer en Pontevedra o Cortegada queda descolgado despedíndose da opción de alcanzar o cuarto posto.
CB ARXIL (64): María González (7), Carla Fernández (2), María Lago (16), Fany López (6), Minata Keyta (26) -quinteto inicial- Ana Martín (4), Andrea Carrera, Cristina Díaz-Pache, Sandra Entenza (3).
PORTOMAR CORTEGADA (53): Andrea Ríos (3), Montse Gilabert (13), Laura Aliaga (14), Salomé García (12), Mame Sy -quinteto inicial- Marta Carregal (3), Alejandra Carballa, Alejandra Nogueira (8).
Árbitros: Pazos Pazos e Godoy Morillo. Eliminadas por faltas Keita no Arxil e Andrea Ríos e Mame Sy no Cortegada.
Parciais: 23-14, 7-14, 15-10, 19-15.
Incidencias: Partido disputado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.