Ámplias, modernas e funcionais. Así son as novas oficinas do Pontevedra en Pasarón
Por Ramiro Espiño
Unha oficina de atención ao público, catro despachos individuais, unha ampla sala de espera, unha sala de xuntas e dous aseos, así son as novas dependencias nas que o Pontevedra C.F. fixará a súa nova sede social e operativa en breves datas e que lle foron entregadas onte ao club granate polo presidente da Deputación Provincial, organismo que se encargou do acondicionamento e mobiliario, en presenza do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao acto, celebrado ás 20,30 horas do martes, día 13, acudiron tamén o voceiro do grupo popular no concello, Jacobo Moreira, e a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, mentres que representando ao Pontevedra C.F. estaban o presidente e vicepresidente, Mauricio Rodríguez e José Manuel Fernández, respectivamente, ademais do membro do consello, Luis Durán e a asesora do mesmo consello, Lupe Murillo.
As novas oficinas encóntranse situadas na pranta alta da bancada de Preferencia, ocupando practicamente a metade da devandita bancada, quedando a outra metade tamén para oficinas nas que se instalará a sede da Delegación pontevedresa da Federación Galega de fútbol.
Trátase dunhas oficinas modernas, amplas, luminosas e moi funcionais, dotadas de todos os servizos necesarios para unha correcta atención aos socios e afeccionados en xeral, así como para cubrir as necesidades do club.
Aínda que de momento se mantén aberta a sede de Benito Corbal, o presidente Mauricio Rodríguez indicou que a intención é efectuar o traslado definitivo no máis breve prazo posible, deixando polo tanto libre o piso que durante tantos anos foi sede social e cuxo propietario é o ex-presidente Gerardo Lorenzo.