Estrea para o Trofeo Internacional Vila de Portonovo de Kaiak de Mar con 158 padexeiros rexistrados
Por Redacción
O kaiak de mar reclama protagonismo en Sanxenxo cunha nova competición, o primeiro Trofeo Internacional Vila de Portonovo que se disputará o vindeiro domingo 6 de outubro.
A proba deportiva, que foi presentada este martes, contará coa participación de 158 padexeiros de 24 clubs.
"Portonovo é un referente do piragüismo e pareceunos desde un primeiro momento moi interesante contar con esta proba que estou seguro consolidarase no noso calendario deportivo", asegurou na presentación o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola.
Ao seu lado o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, defendeu que o "o kaiak de mar é un dos buques insignia do piragüismo que ademais é probable que sexa modalidade olímpica nos próximos xogos olímpicos e se, ademais, é nunha ría e nun concello como Sanxenxo que sempre apoia ao deporte náutico, pois moito mellor".
A regata contará con dous percorridos diferentes, empezando ás 10.30 horas horas cos sénior, xuvenís e os máster, que completarán 10.000 metros de regata saíndo da praia de Major, pasando polo Faro Picamillo e finalizando na praia de Baltar.
Pola súa banda ás 12.00 horas e cunha distancia de 5.000 metros competirán os deportistas de idade cadete, con saída desde Baltar, ciaboga en Punta Faxilda e retorno a Portonovo.