Cohete Suárez apúntase a un RallyMix Cuntis Vila Termal que promete emocións fortes
Por Diego Espiño
Conta atrás para que os motores volvan ruxir en Cuntis cunha nova edición do RallyMix Cuntis Vila Termal.
A sétima edición da proba automobilística, que foi presentada oficialmente este luns, celebrarase o sábado 5 e o domingo 6 de outubro, e farao prometendo emocións fortes.
Como cada ano a Escudería Cuntis Vila Termal tiña preparada algunha sorpresa, e esta vez será a participación de José Antonio 'Cohete' Suárez, coñecido piloto asturiano con participacións mundialistas ás súas costas e ata dous títulos no Campionato España de Rallyes de Terra.
Cohete Suárez e o seu copiloto Alberto Iglesias, aos mandos dun Skoda Fabia RS Rally2, prepararán en Cuntis a súa próxima participación no Rally de Catalunya.
O VII RallyMix Cuntis Vila Termal é a penúltima cita puntuable do Campionato Galego de Rallys Mixtos, cun percorrido que mestura terra e asfalto con saída xunto ao paseo fluvial. En total os participantes completarán cinco mangas oficiais cronometradas, tres delas o sábado 5 a partir das 11.30 horas e as dúas restantes o domingo desde as 9.00 horas.