O Pontevedra mira de esguello á Copa do Rei: Así será o sorteo de primeira rolda
Por Diego Espiño
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) publicou a circular que regulará o sorteo de primeira rolda da Copa do Rei, competición á que volve tras un ano de ausencia o Pontevedra Club de Fútbol.
Será a participación número 48 dos granates no Torneo do K.O., no que ten o seu tope histórico nos 1/4 de final asinados en dúas ocasións na época do 'Hai que Roelo' (64-65 e 66-67).
A repartición de cruces realizarase o vindeiro xoves 10 de outubro (13.00 horas) na sede federativa, e sen opcións polo momento de que os pontevedreses reciban a un equipo de Primeira División no Estadio Municipal de Pasarón.
Na primeira rolda de Copa participarán 110 equipos dos 115 participantes, quedando exentos por agora os catro clubs que disputan a Supercopa de España (Athletic Club, Real Madrid CF, RCD Mallorca e FC Barcelona) así como o campión de Primeira RFEF da pasada tempada, o RC Deportivo.
En canto aos demais "os emparellamentos levaranse a cabo por sorteo enfrontándose, ata onde sexa posible, os clubs de inferior categoría contra os de maior categoría", explica a circular. Con todo con só 16 equipos da máxima categoría en liza no cruzamento inicial faise imposible que algún deles se emparelle aínda co Pontevedra.
Iso é así porque no bombo estarán oito equipos de Terceira RFEF, dez equipos de categoría rexional procedente da fase previa e os catro semifinalistas de Copa Federación, aos que se suman 35 equipos clasificados de Segunda RFEF, 16 de Primeira RFEF e 21 de Segunda División.
O máis probable por tanto será un duelo ante un rival de Segunda División ou de Primeira RFEF.
A primeira rolda da Copa do Rei está prevista para os días 29, 30 e 31 de outubro de 2024.
Relacionadas:
-
O Marino de Luanco, un "rival para ter en conta" que "nolo poñerá difícil tanto a nivel individual como colectivo"
Por Almu Dapena |
-
Dalisson: "O mellor que levamos de Langreo é deixar a portería a cero"
Por Diego Espiño |
-
Tres puntos a domicilio para o Pontevedra cos que facer borrón e conta nova
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras a vitoria en Langreo: "Hoxe non sufrimos practicamente nada"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra imponse ao Langreo e volve sorrir lonxe de Pasarón (0-2)
Por Almu Dapena |
-
Clasificados xa matematicamente para o play-off... e para a Copa do Rei
Por Diego Espiño |