O play-off de ascenso, novo obxectivo do Arxil
Por Redacción
O Arxil garantiuse continuar unha tempada máis na Liga Feminina 2, despois da decisión da Federación Española de ampliar a 14 os equipos de cada un dos grupos para a próxima liga.
Esta decisión supón que se suprime o play-off pola permanencia, do que as verdes se encontraban a un triunfo de distancia, deixando unicamente unha praza de descenso, da que intentarán escapar Universidad de Valladolid e Pabellón Ourense.
Con esta tranquilidade as de Mayte Méndez miran agora cara a cotas máis ambiciosas, pois as últimas vitorias situaron ás pontevedresas a só dous triunfos da cuarta praza que ocupa o ADBA Avilés e que valería para disputar a promoción de ascenso á máxima categoría.
Para iso resultará clave a cita deste próximo fin de semana, no que o equipo arxilista visita (sábado 20:15 horas) ao Celta Selmark, quinto da táboa e ao que podería igualar na clasificación.
Ademais de contra as viguesas, o Arxil debe xogar ata o final da liga regular ante o León e Cáceres na casa e Universidad de Valladolid a domicilio.