Manuel Fontán e Adrián Sieiro, bronce con Valeria Oliveira e Vikttoriia Yarchevska no Mundial de Sprint de Samarcanda
Por Redacción
Unha de cal e outra de area para os padeeiros pontevedreses no Campionato do Mundo de Sprint que se celebrou en Samarcanda (Usbequistán) desde o pasado venres 23 de agosto ata este domingo 25. Todas as xornadas estiveron marcadas pola mala condición meteorolóxica, que fixo moi difícil a navegación especialmente nas probas de canoas.
A parte positiva levoulla o cuarteto da nova proba do C4 500 mixto tripulado por Manuel Fontán, Adrián Sieiro, Valeria Oliveira e Vikttoriia Yarchevska. A tripulación española fíxose coa medalla de bronce ao en meta por detrás dos dous barcos dos equipos neutrais (Rusia e Bielorrusia) cun tempo de 1:39.753, deixando por detrás a equipos tan potentes como Ucraína, China, Hungría ou Moldavia.
Fontán tamén loitou polas medallas na proba do C1 500, pero quedou ás portas do podio cun cuarto posto.
Un dos barcos que peor o pasou durante a competición foi o do C2 1000 tripulado por Noel Domínguez e Adrián Sieiro. A súa embarcación perdeu rapidamente a cabeza da carreira e foron traballando contra os metros e as ondas que formaron os rivais. Finalmente terminaron na oitava posición, moi lonxe dos gañadores, os rusos Petrov e Dmitriev (3:41.510).
No caso do cangués Pablo Graña, sumou a única prata da expedición española na competición. Fíxoo no C1 200 e despois de pelexar polo ouro ata as boias finais, pero o polaco Koliadych impúxose por seis décimas a Pablo (39.083) que pecha a tempada da mellor maneira posible.
O tamén galego Manu Garrido (Tui) sufriu o indecible co vento e as ondas para poder manter estable a súa embarcación, finalizando nunha quinta posición na final do C1 5000.
En canto ao balance final da expedición española en Usbequistán, concluíu cunha prata e tres bronces cos que pecha o ano internacional no Sprint. A prata foi para Graña (C1 200) e os bronces para Fontán, Sieiro, Oliveira e Yarchevska (C4 500 mixto); Carlos Garrote (K1 200) e Miriam Vega (K1 5000).
Relacionadas:
-
Pontevedra, epicentro do piragüismo nacional cunha fin de semana de éxito en Verducido e Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O piragüismo volve acaparar Verducido
Por Redacción |
-
Diego Domínguez e Joan Antoni Moreno, un bronce olímpico con aroma 'meco' e forxado no CGTD
Por Diego Espiño |
-
Pablo Crespo, Manuel Fontán e Martín Jácome, campións do mundo
Por Almu Dapena |
-
Pablo Crespo colga a prata e Claudia Couto o bronce no Mundial Sub-23
Por Almu Dapena |
-
Martín Jácome e Manuel Fontán báñanse en prata no Mundial Sub-23, con Lucía Tenreiro bronce en idade júnior
Por Diego Espiño |
-
Antía Jácome proclámase campioa de Europa en C2 200, e Manuel Fontán e Adrián Sieiro logran o bronce
Por Almu Dapena |
-
Antía Jácome lidera un prometedor debut no Europeo para o piragüismo pontevedrés
Por Redacción |