141 nadadores nunha travesía a nado entre Ons e Combarro que decidirá a tripla coroa Illas Atlánticas
Por Redacción
A Tripla Coroa Illas Atlánticas chega ao seu fin dous anos despois. Farao cunha terceira travesía a nado, que unirá a illa de Ons e Combarro. Un total de 141 nadadores -13 mulleres e 131 homes- inscribíronse para participar na proba, que se celebrará o 7 de setembro.
Os participantes desta travesía a nado, procedentes de España, Francia, Andorra, Italia e Portugal, con idades entre os 21 e 66 anos, terán que percorrer os 23 quilómetros que separan a praia de Area dos Cans, en Ons, e a Praza da Chousa, en Combarro.
Tras as travesías entre Cíes e Baiona (2022) e entre Sálvora e Ribeira (2023), este desafío chega á ría de Pontevedra para coroar aos gañadores desta proba de natación de ultrafondo, unha das travesías a nado máis duras e esixentes de España.
Beatriz Alvariño, responsable da organización, explicou que tras saír de Ons os nadadores dirixiranse cara a Punta Cabicastro e percorrerán a praia de Silgar, en Sanxenxo, o que permitirá que o público poida seguir aos nadadores desde terra.
O percorrido discorrerá en paralelo á costa de Sanxenxo e Poio, pasando pola illa de Tambo ata chegar a Combarro, na que confía en que sexa unha "chegada espectacular".
"Os catro primeiros quilómetros serán os máis duros da proba debido ás correntes e a ondada na entrada da ría de Pontevedra", detallou a organizadora desta travesía, que será agrupada ata Sanxenxo, desde onde pasará a ser de nado libre.
Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes na travesía.
No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitisen a saída desde Ons, a organización ten previsto un percorrido alternativo de 16 quilómetros con saída desde Portonovo e mantendo a chegada na Praza da Chousa, en Combarro.
Para o desenvolvemento da proba despregarase un amplo dispositivo de seguridade tanto en mar como en terra con embarcacións e kaiaks seguindo aos nadadores, que contarán con cinco puntos de avituallamiento, un cada catro quilómetros.
O nadador canario Aldo Román Gutiérrez Llanos encabeza a clasificación provisional da Tripla Coroa Illas Atlánticas cun tempo total de 9:16:36 (sumados os tempos das dúas probas anteriores), seguido moi de preto polo catalán Sergio Torres Serrano (9:18:12).
Na categoría feminina, a primeira clasificada é a asturiana Patricia Agüera Fernández (10:02:48), mentres que a valenciana Esperanza Navarro Simón (11:03:24) é segunda.
Aldo Román Gutiérrez Llanos e Patricia Agüera Fernández impuxéronse nas dúas probas disputadas ata o de agora.
Na categoría sen neopreno, o primeiro clasificado é o asturiano Luis Bárcena Pérez, seguido do cubano Alexis Rodríguez Castedo. Na categoría feminina, encabeza a clasificación a viguesa Vanesa Rodríguez Pérez, seguida da vasca Agurtzane Domingo Inhiesto.
PROGRAMACIÓN PARALELA
A celebración desta proba irá acompañada cunha serie de actividades paralelas, entre elas unha visita guiada á illa de Ons para os familiares e acompañantes dos nadadores ou un concurso de fotografía para escoller as tres imaxes que mellor representen a Ons.
Haberá ademais unha visita guiada a Combarro e unha xornada de concienciación ambiental que consistirá nunha limpeza de residuos na praia de Area dos Cans, na illa de Ons.