Un mercado con necesidades para o Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol púxose ao choio na planificación da próxima tempada, aínda que os seus primeiros pasos mantéñense afastados dos focos e no medio do silencio institucional. Así, máis de dez días despois da súa eliminación na final polo ascenso, segue sen resolverse unha das principais incógnitas, se Yago Iglesias seguirá sendo o adestrador granate.
Pero mentres ese punto non se aclara, desde os despachos do Estadio Municipal de Pasarón avánzase xa tamén mirando a un mercado ao que debe acudir para reforzar o plantel en postos clave, intentando evitar na medida do posible que haxa xogadores que terminen actuando fóra da súa posición natural, como sucedeu en varios casos no curso recén finalizado.
Neste sentido o Pontevedra traballa coa intención de incorporar este verán un mínimo de cinco ou seis futbolistas, aínda que a cifra pode variar en función das renovacións que se terminen concretando.
Por liñas a portería é a que mostra menos dúbidas, xa que tanto Edu Sousa como Manu Vizoso contan cun ano máis de contrato.
Mirando á defensa pola súa banda, se se pecha a continuidade de Churre (a súa presenza no vídeo promocional da campaña de abonados pode dar unha pista sobre o seu futuro) e Mario Gómez, a atención céntrase nos laterais. Garay conta con contrato e o seu posto específico é o de central. Para iso foi fichado o pasado verán, aínda que terminou facéndose forte no costado defensivo. A continuidade de Ángel Bastos pode ser unha solución para o lateral destro, pero no zurdo todo apunta ao mercado tras un ano no que nin Zabaleta nin Hermelo acabaron xogando nesa posición, o que propiciou que Álex González acabase sendo o titular no posto do 3. O capitán (tamén aparece no vídeo promocional da campaña de socios) pode actuar en defensa ou ataque, pero outro lateral zurdo parece unha necesidade.
No centro do campo Samu Mayo e Dalisson contan cun ano máis de vinculación, mentres que a renovación de Yelko Pino pasa por ser unha das prioridades da secretaría técnica. Tamén Toño Calvo ten o seu futuro no aire, mentres que unha posible saída de Borja Domínguez tras unha liga con menor protagonismo do esperado xera a necesidade de un ou dous reforzos nesta parcela.
Así pasa tamén nos extremos, con Chiqui como único asegurado no plantel. Máis aló de definir o futuro de Guèye, algunha peza máis de banda gañar opcións e profundidade debería ser prioridade, sobre todo pensando nun costado destro no que ningún home ofensivo se terminou consolidando, deixando oco a un reconvertido Bastos.
Por último na dianteira Charly está 'atado' un ano máis, mentres que Rufo conclúe contrato. De continuar ambos os dous, a opción aquí pasa por buscar un terceiro ariete posiblemente en idade sub-23 que eleve a competencia e permita xestionar mellor a repartición de minutos de todos eles.
Precisamente o mercado sub-23 antóllase como un dos aspectos nos que haberá que estar máis fino, dada a súa dificultade. Na tempada recentemente finalizada, ningún canteirán terminouse consolidando no primeiro persoal a pesar da proximidade do filial estando en Terceira RFEF, e só Guèye achegou no tramo final da campaña chegando desde o segundo equipo. O senegalés, Manu Vizoso e uns case inéditos Hermelo e Azael foron os sub-23 que acabaron a liga no primeiro equipo. Por ese motivo acertar cos menores de 23 anos pode ser a clave para lograr unha maior amplitude no plantel.
Cabe lembrar que a norma establece un máximo de 22 xogadores por equipo, dos que só 16 poderán ser maiores de 23 anos. Neste sentido, dos xogadores que contan con contrato en vigor seis deles ocupan ficha sénior, e só Manu Vizoso continúa sendo sub-23.
Relacionadas:
-
Javi Fontán, segunda fichaxe dun Pontevedra que se despide de Ángel Bastos
Por Almu Dapena |
-
Mario Gómez renova co Pontevedra por unha tempada máis
Por Almu Dapena |
-
Primeira fichaxe para o Pontevedra CF 2024-2025: o lateral esquerdo Héctor Hernández
Por Alejandro Espiño |
-
Yelko Pino seguirá vestindo a camiseta granate dúas tempadas máis
Por Alejandro Espiño |
-
O Pontevedra e a Deputación renovan o seu acordo de patrocinio
Por Redacción |
-
Álex González renova e afrontará a súa novena tempada consecutiva no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Eneko Zabaleta cambia o Pontevedra polo Arenas de Getxo
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, o terceiro adestrador que repite proxecto no Pontevedra na última década
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, renovado: "Era nuestra primera opción"
Por Diego Espiño |
-
'Non parar ata voltar', nova campaña de socios do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Semana de decisións no Pontevedra, coa continuidade de Yago Iglesias como primeiro asunto a tratar
Por Diego Espiño |
-
Peche de tempada con mensaxes á afección: "Ver Pasarón cheo foi o mellor que vivín no fútbol"
Por Diego Espiño |
-
Multan o Pontevedra polo lanzamento de "mazapáns e varias botellas de auga baleiras" desde a bancada de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A Segunda RFEF que lle espera ao Pontevedra a próxima tempada
Por Diego Espiño |