Semana de decisións no Pontevedra, coa continuidade de Yago Iglesias como primeiro asunto a tratar
Por Diego Espiño
Tras unha semana de reflexión e peche de exercicio, o Pontevedra Club de Fútbol ponse ao choio para planificar a próxima tempada.
O club granate, como adoita suceder cada verán, deuse uns días de prazo para pensar detidamente no seu proxecto deportivo e no camiño para seguir, nos que non se estableceu negociación nin co corpo técnico encabezado por Yago Iglesias, que acaba contrato, nin cos futbolistas aos que tamén lle vence a súa vinculación coa entidade neste mes de xuño.
Precisamente a continuidade no banco de Iglesias, ou pola contra apostar por un novo cambio de rumbo, é a primeira decisión de calado que deberá afrontar o Pontevedra.
A prioridade do técnico ribeirense, segundo sinalou publicamente en varias ocasións ao longo do ano, é dar continuidade ao proxecto iniciado o pasado verán en Pasarón, pero para iso debe negociar aínda co club granate, contacto que está previsto que se produza estes próximos días ou mesmo horas.
De estar de acordo ambas as dúas partes en seguir adiante xuntos, o acordo contractual non debería ser un problema, mesmo aínda que o nome de Yago empezase a soar como candidato a outros bancos. De feito o diario Europa Sur sitúao como unha das opcións predilectas do Algeciras para a próxima campaña.
Unha vez despexada esa incógnita será a quenda do plantel, no que está confirmada a continuidade de Benjamín Garay, Samu Mayo, Chiqui, Dalisson, Charly, Edu Sousa e Manu Vizoso. Neste sentido desde a dirección deportiva xa se empezou a sondar as opcións que ofrece o mercado e mesmo a falar con futbolistas, e é que moitos equipos están a acelerar xa na planificación unha vez pechados os play-off, e non empezar a moverse pode supoñer perder opcións de contratar xogadores que poden ser diferenciais na categoría. Aínda así, a opinión do adestrador terase en conta, por iso a primeira decisión a tomar mira directamente ao banco.
Relacionadas:
-
Yago Iglesias, renovado: "Era nuestra primera opción"
Por Diego Espiño |
-
Un mercado con necesidades para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
'Non parar ata voltar', nova campaña de socios do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Peche de tempada con mensaxes á afección: "Ver Pasarón cheo foi o mellor que vivín no fútbol"
Por Diego Espiño |
-
Multan o Pontevedra polo lanzamento de "mazapáns e varias botellas de auga baleiras" desde a bancada de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A Segunda RFEF que lle espera ao Pontevedra a próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
E agora que? Yago Iglesias e ata 13 futbolistas terminan contrato co Pontevedra
Por Diego Espiño |